Non é seguro o baño en numerosas praias nin nas piscinas pola neglixencia da Xunta

  • Os Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública (FISP) denuncian que a falta de controis na auga provoca que estea prohibido o baño en 18 praias galegas.
  • A carencia de equipos provoca que non se realicen análises nas piscinas desde 2010.

Os FISP comunican que estará prohibido o baño en 18 praias de Galicia esta tempada estival por decisión do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade en seguimento dos criterios establecidos pola normativa europea. Isto é debido a que nos últimos 5 anos a calidade da auga foi deficiente por contaminación microbióloxica.

Praias galegas co baño prohibidoEntre estas praias, 14 marítimas e 4 fluviais, atópanse algunhas moi populares e concorridas por familias como a do Porto de Santa Cruz (Oleiros), na que se levan a cabo habitualmente actividades lúdicas e deportivas con nenos, ou a praia da ría de Barrañán (Arteixo).

Para garantir a seguridade dos usuarios son obrigatorios os carteis que indiquen que o baño está prohibido, vixilancia que é competencia dos FISP, dependentes de Sanidade, quen controlan as condicións higiénico-sanitarias das praias, incluida a recollida de mostras, en concordancia co esixido na normativa europea. Pero os Farmaceúticos denuncian que, seguindo as directrices de Dirección Xeral de Saúde Pública, só teñen que comprobar unha vez en toda a tempada a existencia dos carteis, o que non garante que os usuarios estean informados de forma continua dos riscos de contaminación.

A decisión de volver permitir o baño nestas zonas en próximas tempadas depende de que se acrediten a realización de actuacións que optimicen a calidade do auga como a mellora dos sistemas de depuración ou a eliminación de vertidos.

Sen análises nas piscinas de uso público

O descontrol tamén chega ás piscinas de uso público, onde non é seguro bañarse. Na actualidade existen aproximadamente 631 piscinas en Galicia, con 996 vasos, que os FISP deben controlar no período estival, con escasos recursos tanto humanos como materiais. Contan con equipos de medición insuficientes e obsoletos, incapaces de medir os valores no rango adecuado, inexactos e imprecisos. É especialmente grave o feito de que os Inspectores Farmacéuticos non dispoñan de equipos para medir a turbidez da auga ou do ozono, ou que só dispoñan dun único equipo de medición de CO2 en cada zona de inspección.

A estas graves carencias hai que sumarlle o feito de que a Consellería de Sanidade non está realizando ningún tipo de análise do auga das piscinas desde o ano 2010. Ademais, as periodicidades destes controis foron diminuíndo debido a que cada vez o número de inspectores é menor, de forma que na actualidade, das 100 prazas existentes, soamente están cubertas 62.

Así, mentres que en ano 2001 se facía unha inspección cada 15 días e recollíase unha mostra para análise en cada inspección, na actualidade só se fai unha inspección en toda a tempada e non se recolle ningunha mostra. Pero o máis grave é o feito de que as piscinas que abren polas tardes ou en fin de semana non poden ser inspeccionadas correctamente porque os FISP non fan quendas de garda nin de tarde nin sábados nin domingos.

Todo isto, aseguran os Farmacéuticos Inspectores, vai en detrimento da seguridade e da saúde dos bañistas, así como da eficacia inspectora, que non é outra, que a protección da saúde, mediante a vixilancia da calidade do auga e do aire, evitando os posibles riscos físicos, químicos ou microbiolóxicos derivados do uso estas instalacións.

Os sindicatos CSI-F, CIG, CCOO, UGT, convocantes da folga dos FISP para reclamar  melloras nos equipos e no sistema de traballo, sostén que Sanidade só está obsesionada polas banderitas azuis mentres mantén actividades e establecementos sen suficiente control ao longo de todo o ano: fontes, piscinas, colexios, guarderías, balnearios, termas públicas, velatorios, tanatorios, centros de tatuaxe, spas, torres de refrigeración… Isto evidencia o pouco que lle importa a Consellería de Sanidade a saúde ambiental dos galegos e das galegas.

 

 

Categorías Sin categoríaEtiquetas