Os Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública concentraranse como protesta se Sanidade non cumpre coa RPT

prismáticosEscrito conxunto de CSI-F, CIG, CC.OO e UGT remitido á Consellería de Sanidade:

CONSELLEIRO DE SANIDADE, Xunta de Galicia,

José Fco. Sánchez-Brunete Varela, Secretario de Organización e Negociación Autonómica da CSI•F; Alexandre Prieto Giráldez, responsábel de organización da CIG-Autonómica; Jose Emilio Doforno Guzmán, Coordinador do Sector de Administración Autonómica de CC.OO, e Lino Diáz Goas, Secretario Nacional do Sector Autonómico de UGT, mediante o presente escrito

COMUNICAN:

Na reunión celebrada o día de onte, 14 de xullo de 2016, entre a Dirección Xeral de RR.HH do Sergas e a Dirección Xeral de Saúde Pública cun grupo de Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública, xuntanza á que se excluíu aos lexítimos representantes dos funcionarios, a Consellería de Sanidade manifestou o compromiso de que nesta semana se remitiría con carácter urxente ás Organizacións Sindicais o borrador de modificación de RPT na que se contemplaría o incremento de nivel, do 20 ao 22, para dito corpo de funcionarios e funcionarias.

En Asemblea celebrada posteriormente entre os funcionarios e os seus representantes sindicais, adoptouse por unanimidade o seguinte Acordo:

Dar de marxe á Consellería de Sanidade ata o vindeiro mércores 20 de xullo de 2016 para que remita ás OO.SS. o borrador de modificación da RPT de dita consellería onde se contemple o incremento de nivel, do 20 ao 22. En caso de que a remisión do citado borrador de RPT ás OO.SS non se producira se levará a cabo unha concentración o día 21 de xullo de 2016 coincidindo coa celebración do Consello da Xunta de Galicia.

En consecuencia, a concentración prevista para o día 21 de xullo de 2016 sería inmediatamente desconvocada no caso de que a Consellería de Sanidade cumprise co seu compromiso de remitir o borrador de modificación de RPT ás Organizacións Sindicais. Noutro caso, esta concentración marcará o inicio dunha nova serie de mobilizacións sen data prevista de caducidade.

O acordo adoptado en dita Asemblea ven motivado como medida preventiva ante os constantes incumprimentos dos seus compromisos pola Consellería de Sanidade sen que, polo tanto, se lle poida dar ningunha outra connotación.

O que se lle comunica para o seu coñecemento.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2016