Nova sobre o traspaso de medios persoais entre Política Social e a Axencia Galega de Infraestruturas

O pasado venres (05/05/2017), tivo lugar unha reunión entre as Organizacións Sindicais representativas da Función Pública (agás a CIG que non asistiu) e representantes da Axencia Galega de Infraestruturas así como da Consellería de Política Social.

O motivo da xuntanza foi para informar respecto do acordo que asinaron esta Axencia e a Consellería para o traspaso de 4 postos de traballo.

Os representantes da Axencia admitiron un erro na xestión deste procedemento toda vez que, segundo manifestaron, entendían que se trataba dunha potestade de organización da propia Administración e que non era preciso desenvolver ningún proceso negociador, senón simplemente informar ás OO.SS. A este respecto, CSIF esgrimiu as razóns polas que si considera que se trata dun proceso obxecto de negociación e solicitou que no resto de procesos análogos que poidan levarse a cabo con outras consellerías se desenvolva como tal, compartindo o resto de OO.SS a mesma postura. Así, os representantes da Axencia comprometéronse a que no resto de procesos se desenvolverá conforme a un proceso negociador.

Polo que respecta ao propio acordo de traspaso, a información máis salientable é a seguinte:

  • Traspásanse 4 postos de traballo (Un posto base C2, Unha xefatura de negociado Administrativo A2-C1-C2, Unha xefatura de servizo supervisión de proxectos A1 e un posto de Arquitecto Técnico Funcións facultativo).
  • Os postos referidos atópanse vacantes, agás a xefatura de servizo, ao que segundo informaron dende a Administración o traballador aceptou a proposta de traspaso.
  • O traspaso farase efectivo unha vez modificada a RPT consecuencia deste acordo, agás o posto da Xefatura de servizo que é inmediato, toda vez que xa consta na modificación do propio decreto de estrutura da Axencia.

O obxecto do traspaso encádrase dentro da DT3ª do Decreto 37/2017, do 6 de abril,  pola que a Axencia asumirá ás encomendas que lle realicen en materia de obra civil e edificación nos ámbitos sanitarios, sociais e educativos. Neste senso, comeza a asumir as encomendas do ámbito social e na medida que pase a desenvolver outros ámbitos, procederase tamén á sinatura do traspaso de máis medios persoais.