Borrador e anexos coas prazas da OPE 2017 para persoal funcionario e laboral da Administración Xeral

O borrador abordarase na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos o vindeiro martes 28 de novembro.

(Para ler esta información actualizada e cos documentos definitivos aprobados da OPE 2017 e os seus anexos clica ➡ aquí)

➡ Convocatoria da Mesa Xeral

➡ Borrador en PDF 

➡ Anexos I, II, III e IV. Prazas ofertadas na Administración Xeral da Xunta de Galicia 

➡ Listado de postos da 2º parte do Proceso de Consolidación amortizados dos contemplados na RPT de Consolidación

«BORRADOR DO DECRETO … /2017, DO .. DE.. , POLO QUE SE APROBA A OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO CORRESPONDENTE A PRAZAS DE PERSOAL FUNCIONARIO E LABORAL DA ADMINISTRACIÓN XERAL DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O ANO 2017.

 De acordo co disposto no artigo 19 da Lei 3/2017, de 27 de xuño, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017, no presente exercicio, unicamente se procederá no sector público autonómico á incorporación de novo persoal, con suxeición ás limitacións e requisitos establecidos nesa norma.

Na mesma norma fíxanse diferentes taxas de reposición. Dentro do 100% da tasa de reposición figuran os sectores prioritarios, onde a lei inclúe o control e loita contra o fraude fiscal, laboral, subvencións públicas e control da asignación eficiente dos recursos públicos, asesoramento xurídico e a xestión dos recursos públicos, así como tamén as prazas correspondentes ao persoal dos servizos de prevención e extinción de incendios e de salvamento, as prazas do persoal que presta asistencia directa aos usuarios dos servizos sociais e do persoal que realiza a xestión de prestacións e políticas activas en materia de emprego, prazas de seguridade e emerxencia, prazas de persoal que realiza unha prestación directa aos usuarios do servizo de transporte público e persoal de atención aos cidadáns nos servizos públicos.

Así mesmo, noutros sectores a taxa de reposición fíxase ata un máximo do 50%.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no seu artigo 48 establece os criterios xerais en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas. Esta oferta concíbese como un instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo das administracións públicas, nos que deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

A oferta para o ano 2017 inclúe prazas por acceso libre que figuran no Anexo I. Para determinar a taxa de reposición tívose en conta o número de xubilacións, falecementos, renuncias, excedencias, baixas definitivas así como altas e baixas producidas polos concursos de traslados a outras Administracións e reingresos producidos durante o ano 2016.

Non computarán dentro do límite máximo de prazas derivado da taxa de reposición as prazas que se convoquen para a súa provisión mediante procesos de promoción interna e as correspondentes a persoal declarado indefinido non fixo mediante sentenza xudicial.

Así mesmo, contémplase un plan de promoción interna para o persoal funcionario dos corpos xerais, que consiste nunha promoción interna independente das convocatorias ordinarias no que o número de prazas se especifica no anexo IV.

Nos procesos de promoción interna que se celebren tamén poderá participar o persoal laboral fixo que á entrada en vigor do Estatuto Básico do Empregado Público estivese ocupando un posto de traballo que figure na relación de postos de traballo clasificado para persoal funcionario.

Así mesmo, nesta oferta recóllense medidas de redución de temporalidade no emprego público a través dun plan de consolidación de prazas de carácter estrutural relativas as Escalas de administración xeral e especial de Seguridade e Saúde Laboral que se atopan desempeñadas interinamente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005, de conformidade co previsto na disposición transitoria cuarta do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real Decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto Lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que continúa en vigor de acordo coa Disposición derrogatoria primeira da Lei 2/2015, do 20 de abril, do emprego público de Galicia.

Para dar cumprimento ao disposto na disposición transitoria decima do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, esta oferta inclúe prazas de persoal laboral indefinido non fixo derivado de sentenzas xudiciais.

As disposicións indicadas nos dous parágrafos anteriores, permiten a apertura de procesos de consolidación, a través de distintas medidas, todas elas orientadas a resolver a situación laboral daqueles colectivos de persoal que veñen desempeñando o seu traballo con carácter temporal, con relacións de emprego de longa duración, co fin de adquirir a condición de fixeza a través dos correspondentes procesos selectivos que deberán garantir, en todo caso, a aplicación dos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, así como respectar a libre concorrencia. Estas prazas figuran incluídas nos Anexos II e III da presente oferta.

Con respecto á reserva da cota para persoas con discapacidade nesta oferta resérvase unha porcentaxe do 8,61% das vacantes que se distribuirá segundo se establece nos Anexos de prazas obxecto desta oferta.

A reserva do 8,61 % indicado realizarase de xeito que o 2,28 % das prazas ofertadas sexa para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o 6,33% das prazas ofertadas sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Conforme aos artigos 13.2.g) e 14.2.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, corresponde ao Consello da Xunta a aprobación da oferta de emprego público por proposta da consellería competente en materia de función pública. Así mesmo, o artigo 12 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 esixe o informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas de administración xeral e especial así como en diversas categorías de persoal laboral desta comunidade autónoma cómpre a aprobación da oferta de emprego público para o ano 2017 relativa ao persoal funcionario de corpos e escalas de administración xeral, especial e categorías de persoal laboral, establecéndose os criterios en que debe enmarcarse esta oferta, de conformidade co previsto nos parágrafos un e dous do artigo 12 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, así como o artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, logo do informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, por proposta do conselleiro de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do  de de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobar a oferta de emprego público

De conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no artigo 70 do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, no artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017, así como nos parágrafos un e dous do artigo 12 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

  1. A oferta de emprego público 2017 inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso, especificándose as prazas no Anexo I deste Decreto. As prazas de novo ingreso son con cargo á taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2017.
  2. No Anexo II recollense as prazas relativas ao proceso de consolidación de conformidade co previsto na disposición transitoria cuarta do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real Decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto Lexislativo 1/2008, do 13 de marzo. Estas prazas son con cargo á taxa de reposición de efectivos.
  3. No Anexo III figuran prazas de persoal laboral indefinido non fixo derivado de sentenzas xudiciais, de conformidade co disposto na disposición transitoria decima do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. Estas prazas non computan dentro do límite derivado da taxa de reposición segundo o disposto no artigo 19. Uno. 4 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de presupostos xerais do Estado para o ano 2017.
  4. No Anexo IV inclúense as prazas de promoción interna, cuxos procesos selectivos se realizarán en convocatorias independentes das ordinarias de novo ingreso e, que segundo o disposto no artigo 19. Uno. 4 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de presupostos xerais do Estado para o ano 2017, non computan na taxa de reposición.

Artigo 3. Procesos de consolidación

  1. Dentro das medidas de redución da temporalidade, convocarase un proceso de consolidación das escalas de administración xeral e especial de Seguridade e Saúde Laboral para o persoal funcionario interino que, se atopa desempeñando unha praza de carácter estrutural con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005, nos termos establecidos na disposición transitoria cuarta do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto Lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de función pública de Galicia.
  2. Así mesmo, convocarase un proceso de consolidación nas categorías de persoal laboral, para o persoal laboral temporal que, por sentenza xudicial adquiriu a condición de persoal indefinido non fixo de acordo co disposto na disposición transitoria décima do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.
  3. As prazas que figuran nos Anexos II e III cubriranse polo sistema de concurso-oposición mediante convocatorias extraordinarias de selección con suxeición aos principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia competitiva.

O persoal que supere estes procesos selectivos adxudicaráselle destino en postos correspondentes a ditas escalas e categorías, de natureza estrutural que se atopen desempeñadas por persoal con vinculación temporal.

Artigo 4. Promoción interna independente

  1. Co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse as prazas que se detallan no anexo IV para persoal funcionario de carreira. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso sendo de aplicación para o persoal funcionario o previsto no artigo 80 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
  2. Para os corpos de Administración xeral, realizarase unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as da administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a no corpo do grupo de titulación inmediatamente inferior ao do corpo ao que pretende acceder, reúnan os requisitos esixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.
  3. Non obstante, no proceso de promoción interna para o acceso ao Corpo Superior de Administración Xeral (subgrupo A1), tamén poderá participar o persoal funcionario de carreira do Corpo de Xestión de Administración Xeral, da escala de inspectores/as de consumo (subgrupo A2) e da escala de inspección turística (subgrupo A2).
  4. Aos aspirantes dos Corpos de Administración Xeral, que superen o proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que estivese aberto ao corpo do grupo de titulación ao que se acceda e figure na relación de postos de traballo aberto á Administración xeral, quedando excluídos, expresamente, os postos que so estean abertos a escalas.
  5. O persoal laboral fixo poderá tamén participar nos procesos de promoción interna, tanto os realizados de forma independente como os realizados de forma conxunta cos procesos selectivos de libre concorrencia, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro e na disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, sendo de aplicación para estes procesos o disposto no artigo 80 da normativa de función pública.

Artigo 5. Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos

  1. De acordo co Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, e a Lei 2/2015, so 29 de abril, do Emprego Público de Galicia, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:
  2. A) Na selección do seu persoal, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia garantirá ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:
  • Publicidade das convocatorias e das súas bases.
  • Transparencia
  • Imparcialidade e profesionalidade dos membros dos órganos de selección.
  • Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.
  • Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas a desenvolver.
  • Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos de selección.
  1. B) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.
  2. C) A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto si se trata de acceso ao emprego público como si se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 48 do Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

Os órganos de selección aplicarán na súa actuación principios de austeridade e axilidade á hora de ordenar o desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos principios de actuación de conformidade co establecido no Estatuto Básico do Empregado Público.

  1. D) Nas convocatorias dos procesos selectivos nas que se establezcan a realización de probas con respostas alternativas, faranse públicos os cadros de respostas, na páxina da Xunta de Galicia (xunta.es/funcion-publica) ademais de nos lugares que se estipulen na convocatoria.
  2. E) O funcionamento e actuación dos tribunais de selección axustaranse ás instrucións ditadas ao efecto polo órgano competente.
  3. Se nun determinado corpo, escala, subgrupo ou categoría da Administración pública galega se verificase a infrarepresentación do sexo feminino, entendendo por infrarepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos ao finalizar o proceso selectivo e antes da proposta de nomeamento dos candidatos aprobados, deberá aplicarse como primeiro criterio de desempate a preferencia das mulleres, salvo se considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos sexos existen motivos non discriminatorios para preferir o home, de acordo co artigo 49 do Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

Artigo 6 . Persoas con discapacidade

  1. O artigo 59 do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, prevé que reservarase unha cota non inferior ao sete por cento das vacantes ofertadas para ser cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no apartado 2 do artigo 4 do Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real Decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións.
  2. A reserva do mínimo do sete por cento indicado realizarase de maneira que, polo menos o dous por cento das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, e o resto das prazas ofertadas o sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.
  3. Para dar cumprimento ao establecido no apartado dous, nesta oferta resérvase unha porcentaxe do 8,61% para ser cuberta por persoas que acrediten discapacidade, de xeito que, o 2,28% será para as persoas que acrediten discapacidade intelectual e o 6,33% para aquelas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Nos anexos do presente decreto figura a reserva de prazas nos corpos, escalas ou categorías nas que as actividades ou funcións son compatibles en maior medida, coa posible existencia dunha discapacidade. O número de prazas reservadas quedará recollido nas correspondentes bases das convocatorias.

  1. As prazas reservadas para persoas con discapacidade xeral poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes á dos procesos libres garantíndose, en todo caso, o carácter individual dos procesos. As prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual realizarase en convocatoria independente.
  2. Os sistemas de selección que se convoquen para persoas con discapacidade desenvolveranse de acordo co establecido no Real Decreto 2271/2004, de 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.
  3. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos selectivos ou o período de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, de 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade.
  4. No suposto de que algún dos aspirantes con discapacidade que se presentaran polo cupo de reserva superase os exercizos e non obtivese praza no citado cupo, sendo a súa puntuación superior á obtida polos outros aspirantes do sistema de acceso xeral, este será incluído pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.
  5. As prazas reservadas para as persoas con discapacidade que quedasen desertas nos procesos selectivos, no se poderán acumular ao turno xeral.

Disposición Adicional. Acumulación de prazas correspondentes á oferta de emprego público dos anos anteriores

Poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas de persoal funcionario correspondentes aos Corpos e Escalas de administración xeral e especial da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, relacionadas nos anexos da presente oferta, xunto coas derivadas da oferta de emprego público correspondente aos anos 2015 e 2016, que aínda están pendentes de convocar.

Todas as prazas publicadas en ofertas anteriores que aínda están sen convocar de categorías de persoal laboral e que polo disposto na Lei de emprego público teñen unha equivalencia nos corpos e escalas de carácter funcionarial, convocaranse nun proceso selectivo único acumuladas á escala que lle corresponda de persoal funcionario.

Por outra banda as prazas que figuran polo sistema de acceso libre correspondentes a Corpos e Escalas de administración xeral e especial de Seguridade e Saúde Laboral acumularanse as prazas pendentes de convocar da Oferta do ano 2016. O sistema de selección será o concurso-oposición.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento do decreto

Facúltase á persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

 Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.»

Nova vinculada: