Novas de Función Pública: teletraballo e procesos selectivos

Últimas novas sobre teletraballo e procesos selectivos. Información da reunión entre a CSIF e a Dirección Xeral de Función Pública celebrada o día 03 de novembro de 2020.

1.- Segundo borrador do novo Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Xunta de Galicia.

Na reunión do día onte entre a CSIF e Función Pública, esta organización reiterou as alegacións presentadas, toda vez que no último documento non foron recollidas ningunha das formuladas.

Contrariamente á primeira reunión, neste caso si foron expostas unha a unha as propostas desta organización e, en principio, o Director Xeral de Función Pública manifestouse receptivo á aceptación de gran parte delas.

CSIF insistiu na necesidade de flexibilizar ao máximo os requisitos para ser beneficiario do teletraballo así como de estendelo ao maior número de empregados públicos e xornadas.

A Dirección Xeral de Función Pública comprometeuse a remitir un novo documento, aínda que sen dar unha data estimativa de cando.

2.- Procesos selectivos que xa teñen nomeados tribunais.

Na dita reunión, a CSIF volveu a preguntar polo estado do procesos selectivos para os que xa están nomeados tribunais e convocados mais de 40.000 aspirantes, solicitando que o ben se ditase un aprazamento expreso ou que, noutro caso, se fixera público xa un cronograma concreto.

O Director Xeral de Función Pública manifestou de forma escueta que seguen á espera da autorización das autoridades sanitarias e que cando dispoñan dela a remitirían ás organizacións sindicais no prazo de 24 horas.