
Nota de prensa conxunta de CSI-F, CIG, CCOO e UGT
Lamentablemente, Galicia acapara estes días os titulares nos medios de comunicación pola vaga de incendios forestais que asolan a nosa Comunidade, a maioría deles provocados pola acción incendiaria de desalmados criminais que, non só están destruíndo o noso patrimonio natural senón, tamén, poñendo en risco os bens materiais e, o que é peor, as vidas de moitas persoas.
Diante desta gravísima situación, as organizacións sindicais representativas dos profesionais do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif) da Consellería de Medio Rural, queremos resaltar o traballo de todos ós traballadores e traballadoras que están participando, ata a extenuación, nas labores de coordinación, dirección, vixilancia e extinción, tanto no propio Spdcif, como nas diferentes administracións, entes e empresas que forman parte do dispositivo de loita contra o lume nesta dura campaña.
Trala vaga de incendios de 2006, despois dos devastadores incendios das Fragas do Eume e Xurés no ano 2012, os de Oia e Carnota no 2013, o de Cualedro no 2015, dende as catro organizacións sindicais, advertimos ós responsables da Xunta de Galicia de que iso podería pasar se non se adoptaban as medidas necesarias.
Condicións precarias e fragmentación do servizo
Os sindicatos representativos, ofrecémonos en todo momento a un diálogo contrucivo cos responsables da consellería de Medio Rural para que Galicia volvera dispoñer do dispositivo que sexa acorde coas necesidades do noso país na prevención e loita contra os incendios forestais. Fronte ó modelo de dispositivo fragmentado e privatizado que despregou a consellería de medio rural – e que condena ós traballadores a unhas condicións laborais e salariais inxustas e precarias- as organizacións sindicais propoñemos un modelo público e único dependente do propio Spdcif como garantía de eficacia contrastada e de servizo á cidadanía; un modelo no que os procesos de selección sexan únicos para todos e con listas únicas de contratación para que todos aqueles profesionais que se enfrontan ós incendios forestais teñan os mesmas esixencias de partida; un modelo que remate coa incertidume profesional do elevado número de interinos que existe actualmente e que supón 1/3 dos profesionais do Spdcif; que remate coa precariedade dos traballadores que actualmente son contratados durante 3 e 9 meses para que se poidan desenvolver a necesarias tarefas de prevención durante os meses de inverno; un modelo que recoñeza o traballo desenvolto polos traballadores como bombeiros forestais; un modelo que atenda á adecuada formación e promoción profesional dos traballadores para enfrontarse con máis garantías a lacra dos incendios; un modelo, en suma, que remate coa privatización e fragmentación do dispositivo o que redunda nunha menor eficacia e maior desprofesionalización.
Para lograr isto, as organizacións sindicais, esiximos á consellería a que abra inmediatamente as mesas de negociación necesarias para lograr todos estes obxectivos e iniciar, así, o camiño para que Galicia deixe de ser triste apertura de titulares e portadas de medios de comunicación, para que remate o sufrimento da xente e a destrución do noso patrimonio natural.
(A imaxe que encabeza á información está asinada por Moncho de Sirves e foi publicada hoxe en La Voz de Galicia).
