Urximos unha mesa de negociación para afrontar un cambio de modelo do SPDCIF

Xuntanza da comisión de seguimento do acordo de condicións do SPDCIF coaSubdirección de Incendios.

As organizacións sindicais mantivemos hoxe (13/10/2017) unha xuntanza coa Subdirección de Incendios onde se nos COMUNICA a activación da quenda de 24.00 horas a 07.00 horas en virtude do establecido no artigo 3.3.7 do Acordo de Condicións Especiais de Traballo do persoal do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais, por razóns de alto risco de incendio ata o 31 de outubro.

Todas as OO.SS representativas no SPDCIF mostramos o noso rexeitamento total e absoluto á improvisación e a mala planificación levada a cabo pola Consellería de Medio Rural, expoñéndolle as seguintes cuestións.

  • Os picos de incendio cada vez están máis desestacionalizados, sendo estes fora da época estival. Este ano sen ir máis lonxe coincidiron en plena Semana Santa e no mes de outubro, dous meses de especial actividade incendiaria. O noso colectivo ten que adaptarse a estes cambios climáticos, polo que, é imprescindible que a Consellería de Medio Rural abra unha mesa na que poder abordar un cambio de modelo obsoleto dende hai moito tempo, e que debe de basearse nas emerxencias, na prevención e na extinción de incendios forestais e non unicamente na extinción.
  • Este cambio de modelo levaría implícito que o persoal descontinuo de 9 e 3 meses prestase servizos durante todo o ano, cunhas condicións de traballo dignas. Non pedimos nada extraordinario tan so que os nosos compañeiros traballen todo o ano como practicamente a totalidade de persoal laboral da Xunta de Galicia.
  • Nesta liña de acción esiximos a cobertura inmediata de todas as vacantes asícomo as non vacantes producidas por baixas e vacacións do persoal. É vergoñento que un Servizo de Emerxencias estea coa maioría de brigadas incompletas, que os puntos de vixilancia estean pechados ou con quendas deficitarias, as motobombas sen bombeiros condutores que podan cubrir as 24 horas do mesmo xeito que os centros de coordinación. Mostra de isto é o acontecido a semana pasada no Centro de Coordinación Provincial de Ourense que se tivo que levar dende a provincia de Lugo por falta de persoal nas quendas de noite.
  • Solicitamos que se remitan aos Comités de Empresa os cuadrantes de traballo do persoal descontinuo coas correspondentes libranzas e vacacións, xa que, TODO O PERSOAL DO SPDCIF SOMOS IGUAIS- TODOS DEBEMOS DE TER AS MESMAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DIGNAS.
  • Solicitamos a apertura extraordinaria da listas do decreto 37/2006 antes do mes de decembro nas categorías do SPDCIF.

CONCLUSIÓN

Xa esta ben de que a Consellería de Medio Rural se ría dos profesionais que ano tras ano vimos mostrando a nosa efectividade nas tarefas realizadas ESIXINDO A APERTURA INMEDIATA DUNHA MESA DE NEGOCIACIÓN ONDE PODER ABORDAR TODAS AS CUESTIÓNS EXPOSTAS.

Rematamos esta nota informativa conxunta mostrando o noso apoio a todos os compañeiros e compañeiras que estes días están mostrando a súa profesionalidade nesta vaga de lumes, así como darlle moito ánimo e desexar unha pronta recuperación aos feridos/as nos incendios destes últimos días.

  • Documento en PDF