A DXEP anunciou un Protocolo de Actuación para minimizar as posibles disfuncións que se poidan producir pola mobilidade simultánea do elevado número de efectivos.
1. CONCURSO DE TRASLADOS DE ESCALAS SOCIAIS F0326 E ELECCIÓNS DE DESTINO
Sobre o publicado por este sindicato o día 17 sobre as datas para adxudicación, baremos e tomas de posesión en varios procesos, a directora matizou que nas escalas Sociais (F0326), a Adxudicación de postos do concurso de traslados, e a Elección de Destinos será na primeira quincena do mes de Xullo, pero que as Tomas de Posesión serán o 1 de setembro para Educación Infantil e Auxiliares Coidadores, mentres que o resto dos corpos tomarán posesión na segunda semana dese mesmo mes.
2. ELABORACIÓN DUN PROTOCOLO DE ACTUACIÓN con pautas para minimizar as posibles disfuncións que se poidan producir pola mobilidade simultánea do elevado número de efectivos e a correcta transmisión de coñecementos entre eles:
2.1. Primeira Fase: previa á realización dos movementos do persoal, as Secretarías Xerais Técnicas de cada Consellería identificarán:
Unidades Administrativas nas que vai haber unha elevada rotación.
As Funcións Críticas para manter o funcionamento normal dos servicios públicos.
As Unidades que realizan funcións de atención directa á cidadanía.
Estas Unidades teñen que elaborar un plan mínimo de actuación, no que se inclúan as funcións esenciais que non poden quedar sen cubrir. Deben designar persoas de referencia dentro de cada unidade administrativa, relacionadas con cada un dos procedementos así como o establecemento dunha priorización temporal de tarefas a realizar nas primeiras semanas de incorporación do persoal.
2.2. Segunda Fase: que se iniciará unha vez que se leve a cabo a toma de posesión (15 de setembro).
Nesta fase o que se pretende é garantir a transmisión de coñecementos mediante unha “flexibilidade organizativa”. Tras a toma de posesión no novo posto, as persoas que prestaban servizos en unidades administrativas, de ser necesario, acudirán a dita unidade, presencial ou telemáticamente, para realizar a transmisión de coñecementos, durante un prazo máximo de tres días hábiles. Por tanto, aínda que formalmente xa teñan a toma de posesión e xa non estean a traballar nesa unidade, poden permanecer nela eses tres días.
De maneira excepcional, para o persoal que obteña posto no concurso de traslados, e para unha correcta transmisión dos coñecementos, de acordo coa normativa de aplicación (artigo 8 do Decreto 151/2022), poderase diferir o cesamento, por necesidades do servizo, ata vinte días hábiles.

