A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo confirma en cambio unha sentenza do TSJ de Madrid, que en xuño do ano pasado deu a razón a unha muller e ordenou a Facenda que lle devolvese o que ingresara en concepto de IRPF no exercicio de 2013 polo recibido en concepto de prestación por maternidade. A Avogacía do Estado, en nomea de Facenda, recorreu esa sentenza alegando que a prestación paga viña substituír ao soldo habitual, que si pagaba IRPF. Engadía que a lei do IRPF si exime ás prestacións por maternidade cando proceden das comunidades autónomas ou entidades locais, pero non ás da Administración Central.
O Supremo estima que o alcance desa exención «non se limita» ás CC.AA e municipios, senón que abarca todas as prestacións por maternidade, sen distinción do órgano público do que se perciban. Destaca que na Lei do IRPF usa un «tamén» para falar das exencións desas administracións, polo que unha «interpretación gramatical» do artigo leva a concluír que se daba por feito que as da Administración central estaban exentas.
Engade que da Exposición de Motivos da Lei, na que se explican as súas intencións, «despréndese que a exención que se establece comprende a prestación de maternidade e non só as de nacemento, parto múltiple, adopción e fillo a cargo», como interpretaba Facenda.
