O pasado 29 de xaneiro convocouse o proceso selectivo para a especialidade de educación infantil e, a piques de rematar o prazo de inscrición, Función Pública aínda non aclarou quen poderá presentarse.
Preguntámosllo durante a negociación das bases, durante a comisión na que se aprobaron e mesmo na última xuntanza que tivemos, logo da publicación, e seguimos sen ter resposta.
O 29 de xaneiro convocáronse varios procesos selectivos para distintas escalas da Administración especial. En todos eles, o requisito de titulación ven redactado do seguinte xeito:
“Estar en posesión ou en condición de obter o título oficial de XXXX ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de XXXX”.
Chama a atención, por exemplo, o caso das especialidades de medicina ou enfermaría, onde a convocatoria está aberta a outras titulacións que habiliten para o exercicio desas profesións (descoñecemos que outras titulacións son esas…)
E así en tódolos procesos…salvo no de educación infantil e no de educación social.
Para educación infantil, a redacción fala exclusivamente do título de técnico superior en educación infantil e non inclúe outras titulacións habilitantes. E neste caso si que existen e así o abalan varias sentenzas.
En cambio, para educador social, a convocatoria inclúe un feixe de titulacións: “Mestre ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de mestre en educación primaria ou diplomado en educación social, ou primeiro ciclo da titulación de licenciatura en pedagoxía, da titulación de licenciatura en psicoloxía ou da titulación de licenciatura en psicopedagoxía, ou graduado nunha titulación da rama de ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores.”
Mais aló da opinión que teñamos sobre este asunto, non se entende esta diferenza de criterios e é necesaria unha aclaración.
O caso de educación infantil é único. ¿Queren excluír aos mestres deste proceso? Pois iso parece, pero Función Pública non se atreve a recoñecelo.
En calquera caso, o prazo de presentación de solicitudes está a piques de rematar e temos aos colectivos enfrontados. Mestres sen saber se se poden presentar e persoal técnico sen saber se terán que competir con eles.
Non é de recibo.

