Icono del sitio Boletín independiente de CSIF Galicia para os empregados públicos

CSIF esixe á Xunta a ampliación urxente da xornada de verán para facilitar a conciliación no emprego público

CSIF solicita na Mesa Sectorial de Funcionarios da Administración Xeral que se aplique en Galicia a resolución estatal que estende a xornada intensiva do 1 de xuño ao 30 de setembro por motivos familiares.

A Dirección Xeral de Emprego Público atópase avaliando a medida, mentres CSIF insta a que se implante de inmediato para non deixar o persoal galego en desvantaxe.

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) solicitou formalmente no día de onte a ampliación do período da xornada intensiva de verán do 1 de xuño ao 30 de setembro para todo o persoal público que teña necesidades de conciliación da vida familiar e laboral.

Esta reclamación foi trasladada directamente á directora xeral de Emprego Público no seo da Mesa Sectorial de Funcionarios da Administración Xeral da Comunidade Autónoma. En concreto, CSIF propuxo a transposición á normativa autonómica da Resolución do 14 de abril de 2026, ditada pola Secretaría de Estado de Función Pública, unha instrución que xa se está a aplicar con absoluta normalidade entre o persoal da Administración Xeral do Estado (AXE) e os seus organismos autónomos.

A citada resolución estatal establece o seguinte marco regulador:

«Durante o período comprendido entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, ambos os dous inclusive, poderase establecer unha xornada intensiva de traballo, a razón de seis horas e media continuadas de traballo, que se desenvolverá entre as 8:00 e as 15:00 horas, de luns a venres. No caso dos empregados e empregadas que realicen xornada só de tarde, deberán realizar seis horas e media continuadas de traballo, entre as 14:30 e as 21:30 horas, de luns a venres.

Por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, os empregados e empregadas públicos con descendentes ou persoas suxeitas á súa tutela ou acollemento de ata 12 anos de idade, sempre que convivan co solicitante e dependan deste, estando ao seu cargo, poderán acollerse a esta modalidade de xornada intensiva desde o 1 de xuño e ata o 30 de setembro. Este dereito poderá exercerse tamén no ano en que o menor cumpra a idade de 12 anos.

Igualmente, poderán acollerse a esta modalidade de xornada intensiva, desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro, os empregados e empregadas públicos que teñan ao seu cargo persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que convivan co solicitante e dependan deste.»

Segundo trasladou a Administración autonómica, a proposta da CSIF atópase nestes momentos en fase de estudo por parte da Dirección Xeral de Emprego Público.

Desde CSIF instamos á directora xeral a acelerar os trámites para a implantación inmediata desta medida de conciliación na Administración Xeral de Galicia.

Para CSIF, resulta intolerable que se manteña aos empregados públicos galegos nunha situación de agravio comparativo e desvantaxe respecto aos traballadores dependentes do Estado en materia de dereitos laborais e conciliación familiar.

Salir de la versión móvil