Alegacións da CSIF ao anteproxecto da Lei de impulso demográfico

A Central Sindical Independente y de Funcionarios presentou hoxe as primeiras alegacións ao anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia que prepara a Xunta de Galicia, sen prexuízo das que se poidan incorporar durante o proceso de negociación na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

O documento completo da borrador da lei pódese descargar neste enlace: Anteproxecto da Lei de impulso demográfico

As alegacións que presenta a CSIF son as seguintes:

  • Alegación Primeira:

Artigo 50. Impulso da flexibilidade

  1. A administración autonómica promoverá a ampliación da posibilidade de acollerse á flexibilidade horaria a todo o persoal do sector público autonómico que se atope nalgunha das seguintes situacións:
    a) ter fillos/as ou persoas acollidas menores de idade ou fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente ao seu cargo.
    b) convivir con familiares que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten de asistencia ou ter ao seu cargo persoas con discapacidade ata o primeiro segundo grao de consanguinidade ou afinidade
    c) ser vítima de violencia de xénero as empregadas públicas.
  2. Así mesmo, fomentará e estenderá o uso de medidas de flexibilidade espacial tales como a mobilidade xeográfica ou de área, así como a utilización de tecnoloxías que permitan a conciliación e, nomeadamente, a fórmula do teletraballo.

Disposición derradeira sétima. Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia

Modifícase o número 4 do artigo 106 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, que queda redactado como segue:

“4. O persoal funcionario, nos termos que regulamentariamente se determinen, ten dereito á flexibilidade horaria da súa xornada de traballo por motivos de conciliación familiar cando se atope nalgunha das seguintes situacións:

a) ter fillos/as ou persoas acollidas menores de idade ou fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente ao seu cargo.

b) convivir con familiares que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten de asistencia ou ter ao seu cargo persoas con discapacidade ata o primeiro segundo grao de consanguinidade ou afinidade

c) ser vítima de violencia de xénero as empregadas públicas.

d) atoparse en proceso de nulidade, separación ou divorcio, dende a interposición da demanda xudicial ou dende a solicitude de medidas provisionais previas ata transcorridos tres meses dende a citada demanda ou solicitude.

Entenderase por flexibilidade horaria a realización da xornada de traballo nun horario diario de referencia fixado en cada caso pola administración adaptado ás necesidades da persoa funcionaria. O horario diario de referencia fixarase salvagardando as necesidades do servizo e dentro do marco horario establecido pola administración con carácter xeral.”

  • Alegación segunda:

Artigo 51. Bolsa de horas de libre disposición

  1. A Administración autonómica establecerá unha bolsa de horas de libre disposición dirixida á atención de responsabilidades de coidado de fillos ou fillas menores de idade, persoas maiores que convivan no fogar e que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten a asistencia doutras persoas e persoas con discapacidade ata o primeiro segundo grao de consanguinidade ou afinidade, nos termos que en cada caso se determinen.
  2. Esta bolsa de horas tamén poderá establecerse para a súa utilización nos seguintes supostos:
    a) Persoal empregado público con fillos ou fillas maiores incapacitados xudicialmente.
    b) Mulleres que se atopen nunha situación de violencia de xénero.
    c) Persoal empregado público que se atope nun proceso de nulidade, separación ou divorcio desde a interposición da demanda xudicial ou, por decisión da persoa interesada, desde a solicitude de medidas provisionais previas, ata transcorridos tres meses desde a citada demanda ou, de ser o caso, desde a citada solicitude.
  3. Esta bolsa será de flexibilidade horaria e en ningún caso substituirá os permisos nin as licenzas por motivos de conciliación existentes.
  4. A Administración ditará as oportunas instrucións para a adecuada implantación e xestión da flexibilidade horaria prevista neste artigo.
  • Alegación terceira:

Disposición derradeira sexta. Modificación do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro

O texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o número 4 do artigo 67, que queda redactado como segue:

“4. No sector público autonómico, nos supostos de utilización dunha pluralidade de criterios para a adxudicación dun contrato, valoraranse especificamente as medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral recollidas no plan de igualdade nos termos previstos no artigo 55 da Lei xx/xx, do xx, de impulso demográfico de Galicia.”

Dous. Suprímese a letra c) do artigo 75.

Tres. Modifícase o artigo 92, que queda redactado como segue:

“1. O persoal ao servizo da Administración pública galega, nos termos que regulamentariamente se determinen, ten dereito á flexibilidade horaria da súa xornada de traballo por motivos de conciliación familiar cando se atope nalgunha das seguintes situacións:

a) ter fillos/as ou persoas acollidas menores de idade ou fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente ao seu cargo.

b) convivir con familiares que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten de asistencia ou ter ao seu cargo persoas con discapacidade ata o primeiro segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

c) ser vítima de violencia de xénero as empregadas públicas.

d) atoparse en proceso de nulidade, separación ou divorcio, dende a interposición da demanda xudicial ou dende a solicitude de medidas provisionais previas ata transcorridos tres meses dende a citada demanda ou solicitude.

  1. Entenderase por flexibilidade horaria a realización da xornada de traballo nun horario diario de referencia fixado en cada caso pola administración adaptado ás necesidades da persoa empregada pública. O horario diario de referencia fixarase salvagardando as necesidades do servizo e dentro do marco horario establecido pola administración con carácter xeral”.
  • Alegación Cuarta:

Disposición derradeira oitava:

«Horario de verán:

O persoal empregado público que teña ao seu cargo  persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33% e dependan  deste, poderán acollerse á modalidade de xornada intensiva no período abranguido dende o 1 de xuño e ata o 30 de setembro».

  • Alegación quinta:

Aos efecto desta lei terán os mesmos dereitos os traballadores da Administración da Xunta de Galicia para o coidado de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade  que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten de súa asistencia, aínda que non convivan directamente con eles. Sempre e cando acrediten tal circunstancia.

  • Alegación sexta:

Dende CSIF consideramos necesario que por parte da Administración se establezan de medidas concretas de apoio a familias que teñan a condición de numerosas ou monoparentais.