Icono del sitio Boletín independiente de CSIF Galicia para os empregados públicos

CSIF insta á Consellería de Medio Rural á integración do persoal de AGADER na Xunta de Galicia.

O sindicato denuncia os prexuízos  a Consellería lle está a causar aos traballadores do ente co inxustificado incumprimento da Lei.

En reunión mantida o día 16 de novembro con responsables da Consellería de Medio Rural, a CSIF solicitou a inmediata adaptación das normas de organización e funcionamento e os estatutos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) ao disposto na Lei 16/2010, de organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico (Lofaxga), para as axencias públicas autonómicas.

A inactividade da administración e incumprimento da Lofaxga.

Segundo o mandato legal contido na propia Lofaxga, na súa disposición transitoria terceira, a dita adaptación tiña que estar realizada como mais tardar o 18 de decembro de 2011, polo que a dita adaptación leva un inxustificable retraso de dez anos.

O prexuízo que se lle está a causar a Consellería aos traballadores.

Segundo establece o Decreto 129/2012, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, en tanto non se produza a adaptación de AGADER á regulación contemplada na Lofaxga non se pode levar a cabo o procedemento de integración do persoal de AGADER como persoal laboral da Xunta de Galicia. Requisito imprescindible para á funcionarización.

De feito, o retraso inxustificado por parte da Consellería na adaptación de AGADER á Lofaxga e na integración do seu persoal como persoal da Xunta de Galicia, xa impediu que os traballadores puideran acollerse á carreira profesional, causándolles un prexuízo económico.

Unha demanda da maioría dos traballadores de AGADER.

Durante a xuntanza, a CSIF reclamou o fin desta inxustificada inactividade por parte da Consellería de Medio Rural, instándoa a iniciar de maneira urxente o procedemento de adaptación de AGADER con fin de que estea rematado antes do primeiro trimestre do ano 2022.

E todo elo como paso previo á posterior integración do seu persoal na Administración Xeral da Xunta de Galicia. Integración, sempre voluntaria, pero que é demandada por unha grande maioría do colectivo, tal e como así o trasladou o Delegado Sindical da CSIF no comité de empresa de AGADER aos responsables da consellería.

Por parte da CSIF, agradecemos a recepción e boa dispoñibilidade por parte da consellería, pero coa observancia de que nos manteremos firmes ata que se vexan cumpridas as lexítimas aspiracións dos traballadores que representamos.

Salir de la versión móvil