Proposta de modificación parcial da relación de postos de traballo da Consellería de Economía, Emprego e Industria
Preséntase unha modificación menor da relación de postos de traballo da “nova” Consellería como consecuencia da asunción de novas funcións por parte da mesma. Estes dous postos, con nivel de subdirección, que se “actualizan” coas características que se establecen a continuación:
Aínda cando se trate dun “traspaso” de postos en virtude das novas competencias asumidas pola Consellería, solicitamos que se proceda a modificar a posibilidade de cobertura dos ditos postos por parte de persoal doutras administracións públicas e, polo tanto, que se pechen ao código AXG, quedando a súa adscrición en exclusiva a persoal funcionario da Xunta de Galicia.
As función propias das dúas subdireccións en discusión non xustifican en absoluto a apertura destas prazas a persoal da administración xeral do Estado e de outras comunidades autónomas, no primeiro dos casos, e ademais da administración local no segundo. O propio artigo 38 mo seu parágrafo 6º recoñece a posibilidade de que as RPT establezan para postos con nivel de subdirección ou xefatura de servizo e que garden relación directa coas competencias en materia de sanidade, educación e xustiza, a súa provisión por persoal sanitario, docente ou sanitario. Con independencia de que non se trate neste caso de persoal sanitario, docente ou investigador, entendemos que a relación directa coas funcións do posto é igualmente unha ratio válida para a apertura das prazas a persoal da administración local. Nada hai nas funcións desenvolvidas pola Subdirección Xeral de Coordinación Económica que relacione os seus cometidos coa Administración Local.
Ademais, a continua apertura dos postos de subdirección e outros provistos por LD a persoal doutras administracións limita o acceso do persoal propio da Xunta de Galicia aos niveis directivos.
Proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos
Neste caso, modifícase o artigo 22.1 dos Estatutos da Axencia Galega de Innovación, aprobados por Decreto 50/2012, en orde a establecer a necesidade de cobertura por parte de persoal funcionario da xefatura da Área de Programas, co nivel orgánico de subdirección xeral. Entendemos que a xustificación aportada de que as funcións realizadas dende a xefatura da dita área corresponden coas propias do persoal funcionario do corpo superior da Xunta de Galicia, pódese considerar axeitada, se ben non temos unha descrición do posto ou postos a crear en RPT para o persoal funcionario no caso de que se aprobe a dita modificación de estatutos.
O texto da modificación indica literalmente que lle corresponde “(…) á Área de Programas, con nivel orgánico de subdirección xeral, o deseño e planificación estratéxica en materia de innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico , así como a avaliación das convocatorias de axudas impulsadas pola Axencia no ámbito da I+D+I (…)”. Polo que poderían remitirse igualmente as características, polo menos, deste posto con nivel de subdirector.
Proxecto de Decreto polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproba o Estatuto da Axencia “Instituto Enerxético de Galicia”
En primeiro, lugar chama a atención o recoñecemento na propia exposición de motivos do texto da necesidade establecida na LOFAXGA de adaptación da regulación das entidades creadas con anterioridade á súa entrada en vigor á mesma, e que se realizaría a dita adaptación “(…) no prazo dun ano dende a súa entrada en vigor”, prazo máis que excedido, coa única finalidade de presentar un proxecto de estatutos que practicamente transcribe o contido na propia LOFAXGA para a regulación das entidades do sector público, e, en especial para as axencias.
Polo que se refire ao tenor literal do artigo 2, despois de relatar os obxectivos e fins do INEGA, establécese a posibilidade de que os ditos fins e obxectivos sexan cumpridos polo INEGA por medio de outras sociedades “(…) adscritas ou sobre as que teña atribuída a súa tutela funcional”. Solicitamos que estas referencia sexa eliminada, xa que o INEGA deberá cumprir os fins que se lle encomendan por parte da propia Administración á que se adscribe e da que ten a consideración de medio propio, sen que as ditas actividades acaben por carecer de ningún tipo de control ou de posibilidade do mesmo porque as actividades encomendadas sexan realizadas por outras entidades.
Polo que se refire ao principio de transparencia e participación cidadá descrito como principio básico de actuación no artigo 7, parágrafo 2º, cremos que debe implicar a inclusión dunha serie de información adicional á referida no dito artigo, e segundo o que se recolle la Lei 4/2006, de 30 de xullo, de transparencias e boas prácticas na Administración Pública galega, establece no seu articulado , que a páxina web da Xunta de Galicia publicará nominalmente a retribucións públicas percibidas, entre outras, “(…) das presidentas e presidentes, directoras e directores xerais, directoras e directores executivos, directoras e directores técnicos e titulares doutro postos o cargos asimilados, calquera que sexa a súa denominación, en entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Administración autonómica——–, cuxo nomeamento sexa efectuado por decisión do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno” (artigo 14, alínea g)). Polo tanto, entendemos que a referencia ao principio de transparencia implica tamén que toda a información estea facilmente dispoñible, e polo tanto, solicitamos que a información referida conste tamén na sede electrónica da axencia, ben directamente o por medio do redireccionamento á páxina onde conste a dita informacións.
En canto ao artigo 8, referido a funcións e competencias, entendemos, como decíamos máis arriba, que as competencias e funcións propias da Axencia, deben ser realizadas directamente pola INEGA, e polo tanto, solicitamos a retirada da referencia que fai o artigo 8, parágrafo 2º a sociedades públicas autonómicas ou calquera outro medio propio. A actuación transparente implica necesariamente que en cada momento estea perfectamente determinado quen realiza que funcións e cal é o titulo legal que habilita o dito exercicio. A proliferación de niveis na actuación administrativa encomendada ás entidades instrumentais serve para facer máis confusas as funcións e responsabilidades derivadas das mesmas e choca frontalmente coa actuación consonte o principio de transparencia e participación cidadá.
No artigo 11, establécese ademais que a Presidencia da Axencia pode ser encomendada, a proposta do titular da Consellería competente en materia de enerxía, polo Consello da Xunta a persoa distinta do dito titular da Consellería, polo que quixeramos unha aclaración ao respecto de a que tipo de contratación se referiría neste caso, se a un contrato de alta dirección, a nomeamento de persoal directivo, etc. A LOFAXGA no seu artigo 64.2 autoriza o dito nomeamento sen máis especificación, polo que debería constar cal é o tipo de contratación prevista das recollidas pola propia LOFAXGA e o desenvolvemento básico dos principios reitores da mesma.
No que se refire ao réxime de persoal regulado no capítulo IV, en concreto no artigo 26.4, especifícase o seguinte; “Os representantes do persoal participarán na determinación das condicións de traballo dos empregados públicos do Instituto Enerxético de Galicia, incluíndo os aspectos relativos á organización, estrutura e marco de actuación en materia de recursos humanos e retribucións, nos termos previstos na lexislación vixente”. Solicitamos que a referencia se faga en relación con todo o persoal que presta servizos la Axencia Instituto Galego de Enerxía, xa que, tal como se recoñece no articulado do proxecto de decreto, o INEGA conta con persoal laboral propio que prestará o seus servizos na axencia dende o momento da súa constitución e posta en funcionamento, polo que os representantes dos traballadores participarán igualmente na determinación e defensa das súas condicións de traballo.
Polo que respecta ás condicións retributivas do persoal directivo que estarán determinadas segundo o que se estableza polo Consello Reitor e polo Decreto 119/2012. Do 3 de maio, polo que se regulan as percepción económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, recordamos que contrastan coa política de austeridade de gastos en materia de persoal e mesmo ofenden, á vista das retribucións fixadas por niveis no anexo do dito decreto. A contención no gasto non parece casa coa táboa de retribucións fixas, ás que hai que engadir as variables en función do cumprimento de obxectivos e reguladas no artigo 10 do mesmo texto.
ANEXO
Retribucións fixas máximas por niveles
Nivel 1[i] | Nivel 2 | Nivel 3 | Nivel 4 | Nivel 5 | |
Grupo 1 | 72232,58 | 63042,29 | 55268.41 | 49455,82 | 42736.97 |
Grupo 2 | 63.042,29 | 55.268,41 | 49.455,82 | 42.736,97 | 63.042,29 |
Grupo 3 | 55.268,41 | 49.455,82 | 42.736,97 | ||
Grupo 4 | 49.455,82 | 42.736,97 |
[i] Nivel 1 Director general o análogo; Nivel 2 Director sectorial o análogo (financiero, personal…); Nivel 3, 4 y 5 Niveles directivos dependientes de los anteriores.
Anteproxecto de Decreto polo que se crea o Instituto Galego de Consumo e da Competencia e se aproba o seu Estatuto
Tras as modificacións remitidas pola Administración, o único cambio que se produce é a eliminación do réxime “compensatorio” dos vogais da Comisión Galega da Competencia. Neste caso, e a pesar de que as ditas retribucións constan no Decreto 60/2011, de 17 de marzo, polo que se desenvolve a estrutura organizativa do Consello Galego da Competencia. Neste sentido non temos máis que alegar que non parece compatible a austeridade e os recortes de dereitos e salariais impostos aos empregados públicos, que viron decrecer considerablemente o seu poder adquisitivo, coas retribucións para os membros do Consello Galego de Defensa da Competencia. A retirada destas previsións do texto no agochan a realidade de que sempre somos os mesmos pos que padecemos a austeridade. Tal vez podería ser esta unha oportunidade para valorar a pertinencia, necesidade e funcionamento do dito Consello, e propoñer o gasto que supón para cuestións máis acuciantes.
Polo que respecta ao texto do anteproxecto de decreto, na súa exposición de motivos remítese á Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que autoriza no seu artigo 38 a creación do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, lei que entrou en vigor en febreiro do ano 2014, polo que a necesidade de aforro que se pretendía coa súa creación parece que quedou completamente desvirtuada. En todo caso, xa que se pretende neste momento a súa posta en funcionamento, entendemos que o prazo de 6 meses establecido na Disposición Adicional Terceira, para a constitución e posta en funcionamento do mesmo unha vez entre en vigor o decreto que regula os seus estatutos e funcionamento. Polo tanto, e ao igual que se establece un prazo menor para a posta en funcionamento da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, entendemos que calquera aforro debe ser postos en funcionamento canto antes, e polo tanto, solicitamos o establecemento do mesmo prazo máximo de tres meses.
Por outra parte, e como unha reclamación xeral, solicitamos que se poña en negociación, á maior brevidade posible, a RPT completa da agora Consellería de Economía , Emprego e Industria, para afrontar globalmente as características dos postos consignados na mesma, e non por medio da continua parcelación da mesma.