Icono del sitio Boletín independiente de CSIF Galicia para os empregados públicos

A Promoción Interna: Novo ataque de Facenda aos funcionarios de carreira, convertendo os procesos nunha oposición libre encuberta

CSIF pide a Facenda que reconsidere a súa postura de permanente ataque e desprezo dos funcionarios de carreira da Xunta. A promoción interna debe ser un desenvolvemento profesional e non oposicións libre encubertas.

CSIF rexeita e critica a decisión da Consellería de Facenda de aprobar, o pasado día 21 en Comisión de Persoal, os criterios para os procesos de Promoción Interna na Administración autonómica. Dita aprobación realizouse co voto en contra das 4 organizacións sindicais máis representativas da Función Pública.

As bases da Promoción Interna aprobadas unilateralmente pola Consellería de Facenda desvirtúan a finalidade esencial destes procesos: favorecer a carreira administrativa e recoñecer a experiencia e formación acumulada polo persoal que xa presta servizo na Administración pública.

A Promoción Interna non é unha oposición libre

A Promoción Interna non pode consistir para os funcionarios de carreira nun proceso selectivo que reproduza a estrutura e as esixencias propias dunha oposición libre. A proposta da Xunta distorsiona o seu espírito, desincentivando a participación e restando valor á traxectoria profesional de quen aspira lexitimamente a progresar profesionalmente e economicamente.

Non se trata de volver examinar a quen demostra diariamente a súa capacidade para servir á cidadanía, senón de facilitarlles o acceso a novas responsabilidades conforme ao seu mérito, antigüidade, formación e traxectoria profesional sobradamente demostrada.

CSIF esixe un cambio radical e o abandono deste modelo ríxido e xa obsoleto.

Cómpre lembrar que o pasado 15 de outubro, CSIF, xunto a CCOO e UGT, xa esiximos a retirada dos borradores de convocatoria da promoción interna. As tres organizacións sindicais defendemos a necesidade de introducir cambios radicais que transformen o modelo e o orienten cara a procesos que impulsen, favorezan e faciliten a promoción interna.

As tres organizacións sindicais consideramos imprescindible abandonar o actual modelo ríxido e excluínte e avanzar cara a un sistema moderno, transparente e equitativo, que recoñeza de maneira efectiva o esforzo, a cualificación e a traxectoria do funcionario de carreira.

Por todo isto, reclamamos da Administración autonómica que reconduza o modelo proposto e abra un proceso de negociación real.

CSIF non cesará no seu empeño de defender e conseguir un modelo xusto para todos os funcionarios de carreira.

Salir de la versión móvil