A irresponsabilidade de Facenda cos funcionarios que superaron a Promoción Interna e os procesos de acceso libre.

Función Pública segue sen dar resposta aos funcionarios que superaron os procesos  de Promoción Interna nin aos opositores que superaron os de  acceso libre.

Superado xa o Estado de Alarma e a piques de finalizar a terceira fase de reincorporación presencial ao traballo, Función Pública segue sen dar resposta aos funcionarios que superaron os procesos de Promoción Interna nin aos opositores que superaron os procesos selectivos de acceso libre.

Dende a CSIF podemos entender as dificultades de Función Pública durante os meses que durou o confinamento para avanzar nas eleccións de destino e tomas de posesión, así como nas baremacións definitivas.

Podemos entender as prioridades de Función Pública durante o Estado de Alarma na tramitación dos chamamentos de persoal temporal para atender as necesidades perentorias dos servizos esenciais.

Pero non entendemos que a data de hoxe Función Pública siga sen facer público un calendario concreto de tomas de posesión efectiva nin que manteña estancadas as baremacións provisionais.

Dende o mes de decembro de 2019, hai opositores que están pendentes da súa toma de posesión como funcionarios de carreira. E dende o mes de febreiro de 2020 hai funcionarios que superaron a Promoción Interna, e outros pendentes da baremación definitiva.

Dende a CSIF consideramos inadmisible o prexuízo económico que se lle está a causar tanto aos funcionarios que promocionaron como aos de novo ingreso. E, sobre todo, consideramos unha falta de respecto a falta de interese e esa actitude silente.

Por todo isto, dende a CSIF instamos á Dirección Xeral de Función Pública a que, de maneira inmediata, faga público un cronograma concreto que de resposta a incerteza dos funcionarios que superaron os procesos de Promoción Interna, así como aos opositores que superaron os procesos de acceso libre. O prexuízo que se está a ocasionar é grave e inxustificado.

¡Non sempre o silencio é a mellor resposta!