Tras o acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais e conforme aos resultados obtidos nas eleccións sindicais celebradas en 2010 e 2011, CSIF é a única organización con representación e todos e cada un dos diferentes comités de seguridade e saúde laboral da Administración Xeral e de Xustiza da Xunta de Galicia.
Os diferentes comités de seguridade e saúde laboral da Xunta de Galicia son os órganos paritarios e colexiados de participación destinados á consulta regular e periódica das actuacións da Xunta en materia de prevención de riscos. As súas competencias e facultades pódense resumir nas seguintes:
- Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos plans e programas de PRL da Xunta.
- Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para efectiva prevención dos riscos, propoñendo á Xunta a mellora das condicións ou corrección das deficiencias existentes.
- Coñecer directamente a situación relativa á prevención de riscos nun centro de traballo concreto e realizar as visitas que considere oportunas.
- Dispor daqueles documentos e informes relativos as condicións de traballo que sexan necesarios para o cumprimento das súas funcións así como os procedentes da actividade do servizo de prevención, se fose o caso.
- Analizar os danos producidos na saúde ou na integridade física dos traballadores, co obxecto de valorar as súas causas e propor as medidas preventivas oportunas
Por tal motivo e coa finalidade de facilitar e canalizar as suxestións e favorecer e a participación de todos os empregados públicos da Xunta de Galicia nesta materia, poñemos a vosa disposición este espazo no que podedes atopar información sobre os diferentes comités así como unha serie de recursos, documentación e enderezos de interese relacionados coa seguridade e saúde laboral.