Icono del sitio Boletín independiente de CSIF Galicia para os empregados públicos

Resumo da reunión informativa do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Asuntos que se abordaron na orde do día do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (5/06/2017):

Sobre o plan de prevención para os traballadores de campo presentado na mesa e realizado no ano 2015, xurdiu un debate entre a Consellería e a parte social onde ao CSIF, ante o exposto, lle xorden novas dúbidas no procedemento e participación directa dos traballadores na elaboración do referido plan (supostas enquisas aos traballadores).  Así, CSIF solicitou repetilo para garantir a participación directa dos traballadores e actualizalo á nova Consellería. Neste senso, acordouse tomar o documento como base e ir aportando melloras e suxestións por parte das organizacións sindicais.

CSIF tamén pregunta si se vai tratar, sobre a roupa de traballo do persoal afectado, dado que dende xuño de 2015 non houbo reposición para o persoal laboral. Contestan que por motivos de tempo e tramite legal obrigatorio non vai ser posible realizar a entrega de roupa de traballo en menos de 5 meses.

CSIF solicita que se realice por un proceso de urxencia porque dito incumprimento pon en risco a saúde dos traballadores de campo. Asemade, solicitamos a adaptación da roupa de traballo ao verán e ao inverno. Neste senso, tamén manifestamos que non estamos de acordo que se estableza como responsable das medidas correctoras o ámbito “Distrito ambiental” ( unidade orgánica e administrativa inexistente na consellería) así como tamén a ausencia de persoal con funcións de responsabilidade e formación específica en materia de prevención. Recórdaselle que o persoal de campo ten designado a xefatura territorial como centro de traballo. Asemade, os centros ictioxénicos, parques naturais, reservas de caza e centros de recuperación deberán estar tamén recollidos en dito documento xunto  co persoal responsable.

Algo que tamén denunciamos é que as ferramentas de traballo deben ser reparadas por servicios oficiais. 

En canto ao plan de acción da velutina, CSIF manifesta que en setembro do 2016  se denunciou no Comité  Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Xunta de Galicia unha serie de deficiencias que non foron arranxadas nin corrixidas. Consideramos que os traballadores e coordinadores seleccionados para o plan do operativo da velutina teñen que estar debidamente formados e ter a correspondente capacitación obrigatoria para a aplicación e coordinación destas tarefas, dado o tipo de plaguicida non agrícola subministrado pola Consellería. Ademais, ditos produtos aparecen como caducados no rexistro correspondente dende o ano 2016 e en proceso de renovación. Entendemos que a día  de hoxe non se cumpre cos requirimentos  mínimos esixibles.

Tamén nos queixamos que en algúns casos, o tipo de vehículo non está debidamente adaptado ao traballo (separación física habitáculos, transporte de material tóxico e inflamable e elementos de grandes dimensións como as pértegas). Manifestamos a nosa preocupación respecto de que a consellería descoñeza que persoas teñen acceso os plaguicidas e lugar onde se almacena unha vez retirados do correspondente centro de recuperación. Manifestamos tamén a nosa queixa por considerar ineficaz a utilización de cazadores con armas de fogo para retirada de niños de velutina, con presencia de traballadores do propio servizo sen as mínimas medidas de prevención e seguridade.

Infórmanos de  que están pendentes da entrega do kit de anafilaxe e dos análises de alerxia himenópteros.

Respecto do documento de influencia aviaria, CSIF manifestou que na documentación aportada a este sindicato só viña asinada unha circular da directora xeral de Patrimonio xunto con varios documentos do ministerio. Que as charlas que se realizaron  por provincias considerámolas incompletas e o reparto de E.P.I.s insuficientes. Solicitamos que este tipo de plans e operativos deberán ser validados e supervisados por técnicos de prevención.

Ademais, CSIF recórdalle á consellería da existencia dun protocolo vixente  sobre influencia aviaria aprobado no ano 2007, que en materia de prevención e en beneficio da seguridade do traballador e terceiras persoas, considerámolo mais aconsellable que o documento  proposto.

Do mesmo xeito, manifestamos a nosa queixa ante actuacións recentes respecto da recollida de aves mortas (200 aves mortas no  encoro de Vilagudín) e o traslado destas ao Centro de Recuperación, así como o seguimento da zona afectada por parte dos traballadores nos días sucesivos, tendo en conta que a consellería tivo coñecemento do resultado das análises posteriormente.

Tamén CSIF informa dun accidente laboral por picadura de garrapata, debidamente comunicado á empresa, onde o traballador necesitou ingreso en urxencias e un seguimento por parte do servizo público de saúde, que a día de hoxe non houbo comunicación por parte do servizo da Mutua nin da propia empresa.

Por último, os representantes da administración expoñen e explican un  documento sobre as características dos novos vehículos que vai adquirir a consellería.

O sistema de reposición vai ser por ‘renting’ e non por vehículos en  propiedade, dos cales van ser substituídos os mais antigos e os que estean en peor estado (todoterreo por todoterreo, pikc-up por pick-up e furgoneta por furgoneta).

Do mesmo xeito, informan da inminente elaboración  dun plan de prevención específico para os vehículos.

CSIF, ante o proposto por parte dos demais sindicatos, considera que esta mesa non é o  ámbito mais axeitado para negociar as propostas específicas formuladas por categorías e colectivos laborais sobre identificación dos vehículos e elementos ou accesorios que non reverten na prevención de riscos. Este sindicato entende que a prevención de riscos nos vehículos afecta a todos os traballadores por igual que teñan como función conducir vehículos. En todo caso, entendemos que debería ser un grupo de traballo específico.

Por último, emprázasenos a enviar alegacións (a poder ser, ao longo desta semana), e convocar unha nova xuntanza neste mes de xuño.

Salir de la versión móvil