Comité de SSL de Medio Ambiente: a diferenza entre os sindicatos de clase e outra clase de sindicato

COMITÉ DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE.

A diferenza entre os sindicatos de clase e outra clase de sindicato.

No Comité de Seguridade e Saúde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, celebrado o pasado día 30 de xaneiro, o delegado de prevención da CSIF cuestionou a oportunidade das instrucións recibidas dende a propia Consellería relativa aque os días 14 e 15 de outubro de 2017 recibiron os Vixiantes de Recursos Naturais de poñerse a disposición do SPDCIF a fin de colaborar na extinción de lumes.

O motivo de cuestionar a oportunidade de ditas instrucións veu motivado por dúas causas. A primeira por ser instrucións ditadas de forma confusa e indirecta. A segunda é a máis grave, porque en ningún momento se puxo a disposición do colectivo de Vixiantes de Recursos Naturais o mínimo equipo de protección, co conseguinte risco potencial para os Vixiantes de Recursos que colaboraron na extinción dos incendios daquel fin de semana.

Algo tan esencial, como é velar pola protección dos traballadores do Servizo de Conservación , xa sexa de forma individual como colectiva, encontrou unhas férreas críticas nos representantes dos sindicatos de clase (CIG, CCOO e UGT).

Así, no dito Comité de Seguridade e Saúde da Consellería de Medio Ambiente, os representantes de CIG, CCOO e UGT (todos eles Axentes Medioambientais e, curiosamente, pertencentes á Consellería de Medio Rural e non á de Medio Ambiente), criticaron con dureza a defensa do dereito á protección dos traballadores de Medio Ambiente realizada dende a CSIF.

O delegado de prevención da CSIF en ningún momento cuestionou a necesidade de colaboración do colectivo de Vixiantes de Recursos Naturais na extinción de lumes forestais. Polo contrario, os Vixiantes de Recursos Naturais xa veñen colaborando na extinción de lumes. Tanto é así que nalgúns parques naturais a participación deste persoal é imprescindible.

Pero esta participación e colaboración fundamental na extinción de lumes estase a facer sen dotación do máis mínimo Equipo de Protección Individual.

E esta situación de desprotección dos Vixiantes de Recursos Naturais foi a que puxo de manifesto o Delegado de Prevención de CSIF e a que tan ácidas críticas recibiu por parte dos Axentes Medio Ambientais dos sindicatos CIG, CCOO e UGT.

A acusación a CSIF por parte de CIG, CCOO e UGT de boicotear o funcionamento do comité polo feito de denunciar a falta de equipos de protección individual dos Vixiantes de Recursos Naturais amosa, cando menos, unha falta de respecto e un grande desprezo a este colectivo, que non imos consentir.

Para CSIF, todos os traballadores teñen dereito a recibir ás mesmas medidas de seguridade e formación adecuada, xa se trate de persoal laboral ou xa se trate de persoal funcionario. E todos os sindicatos deberíamos coincidir na defensa deste dereito. Pero como ben din os “sindicatos de clase”, CSIF é un caso aparte, porque CSIF defende por igual a todos os traballadores, sexan funcionarios, laborais, fixos ou temporais.