O día 4 de decembro, tras a publicación no DOG da data e hora do exame de oposición para o persoal auxiliar coidador, a administración autonómica publica unha nota na web cambiando a data do exame, do venres 15 ao o sábado 16.
Estamos a pouco máis dunha semana da celebración do dito exame, co cal a maior parte das persoas que se van presentar ao mesmo xa teñen organizados desprazamentos e/ou estadías en Silleda, é dicir, aloxamentos reservados, autobuses contratados para a ocasión e/ou viaxes en coche.
O cambio de data con tan pouca marxe vai supor un evidente transtorno para este colectivo que, non obstante, dende que se soubo da súa celebración en venres advertiu dos problemas que ía supor, pois os centros quedarían sen persoal ao coidado do alumnado con necesidades educativas especias.
CSIF trasladou este problema xa o pasado 21 de setembro á Administración, que se comprometeu a negociar unha nova data con Función Pública, sen que finalmente as nosas reivindicacións, en nome dos traballadores e traballadoras fosen escoitadas.
O cambio en tan só unhas horas que se produciu entre a mañá e a tarde do luns tampouco responde a un interese real polos pais e nais, nin polo alumnado afectado senón a outro tipo de preocupacións alén do servizo público, esto é, preservar a imaxe da Administración ante os medios de comunicación, pois obviamente quedaría en entredito se finalmente estes centros ficasen sen persoal imprescindible para a atención dos alumnos e alumnas con necesidades especiais.
CSIF concorda coas lexítimas reivindicacións e medidas de presión de pais e nais, pois, insistimos, desde o minuto 1 tentamos mudar a data da proba, mais consideramos que a solución improvisada e precipitada da Xunta, a unha semana da oposición, só resolve unha parte do problema, mais a consta de xenerar outro, neste caso entre os coidadores/as aos que tamén se debe. Vestir a un santo para desvestir a outro.
Cómpre salientar, ademais, que moitos deles verán incrementados os seus níveis de estrés e ansiedade, co cal tampouco estarán nas mellores condicións para atender ao alumnado en vísperas dunha cita na que se xogan tanto.
Sería de agradecer que a mesma premura que a Xunta tivo demostrado este luns para rectificar o DOG, tivéraa para evitar que este colectivo estivese traballando nas condicións de precariedade nas que se atopan.
