Procesos selectivos
Veterinaria, bioloxía, finanzas (A1 e A2), medicina, enfermaría e educador social, subinspección urbanística, educación infantil, persoal de servizos xerais, xerocultor/a, auxiliar de laboratorio e persoal subalterno (este último para persoas con discapacidade intelectual). Eses son os procesos sobre os que discutimos na última xuntanza.
Sobre o proceso da escala de veterinarios/as, a última proposta da administración foi dividir as prazas en dúas convocatorias: 38 prazas convocadas por concurso-oposición e 55 por oposición. Pretendían facer o exame de ambas convocatorias simultaneamente, pero ante a oposición das organizacións sindicais, comprometéronse a non facelo. Deste xeito, alomenos, tódolos aspirantes poderán optar a tódalas prazas.
Dende a CSIF defendemos que o sistema de acceso (con carácter xeral e especialmente para as prazas reservadas á promoción interna) debe ser o concurso-oposición. Neste caso, a administración tirou polo camiño do medio.
Sobre a escala de bioloxía, seguen sen incluír as prazas da OPE do ano 2022. Protestamos por isto e dende función pública argumentan que neste momento terían dificultades para ofrecer postos a todo o persoal que superase o proceso selectivo. Queren aplicar, citamos textualmente, “o principio de prudencia”. Pensamos que se esas prazas están na OPE, non sirve o argumento. Non entendemos esta práctica, xa habitual, de dosificar as prazas.
Sobre o proceso da escala técnica de finanzas, non fan ningunha diferencia nas probas para o acceso libre e a promoción interna. Nin compartimos nin entendemos esta decisión. Protestamos, preguntamos e non nos deron ningunha explicación.
Para tódolos procesos pedimos que o prazo de realización dos exames inclúa tamén unha data límite: “non antes de X meses nin despois de…” De momento non se inclúe, pero informan que as primeiras probas destes procesos non serán antes de 9 meses, coa excepción de finanzas (A1 e A2), que non serán antes de 3 meses.
Dende a CSIF fixemos outras propostas para tódolos procesos selectivos: nos manifestamos en contra das probas que consisten non desenvolvemento de temas, pedimos que os temarios estean definidos dun xeito máis concreto ou os contidos directamente publicados pola administración. Propuxemos tamén que sempre que sexa posible deben gardarse as notas doutros procesos ou, de ser o caso, puntuarse os exames aprobados noutras convocatorias.
Da mesma maneira, pedimos que, durante os períodos de prácticas ou cursos selectivos, os funcionarios cobren as retribucións íntegras.
Procesos selectivos en marcha
Durante a semana que vén prevén publicar a resolución para acreditar os méritos dos procesos selectivos por concurso dos subgrupos A1 e A2 da Lei 20/2021.
O mesmo para os procesos con fase de concurso anteriores á Lei 20/2021 que teñen rematada a fase de oposición arquitecto, arquitecto técnico, química, enxeñería técnica industrial, informática e bibliotecas (acceso libre, estabilización e promoción interna). Da lei 20/2021, limpeza e cociña, auxiliar de cociña, persoal de servizos xerais, educación infantil, inspección urbanística.
Tamén proximamente publicarán a elección de destino definitivo de finanzas (A1 e A2) e abrirán o prazo para elección de destino para algunhas das escalas que están pendentes.
Concursos de traslados
Función pública informa que en breve comezaremos a negociar as bases do concurso de traslados das escalas da administración especial (non todas, aseguran que a maior parte delas). Están a traballar nas RPTs para a funcionarización e a continuación o sacarán.
Tamén afirman que xa están a traballar no concurso de corpos xerais.
A negociación destes concursos será ao longo deste mes ou a principios do seguinte.
Neste mes pecharemos tamén as bases do concurso de gardacostas.
