Últimas novas de Función Pública. Reanudamos as xuntanzas logo do parón de agosto.

O pasado venres tiveron lugar as primeiras xuntanzas da mesa xeral e sectorial despois do verán. A Dirección Xeral de Emprego Público achegounos unha pequena modificación da RPT de Agacal e deu conta da funcionarización dalgúns postos que estaban pendentes. Pola nosa banda, lembrámoslles as tarefas que teñen pendentes.

Dende a Administración non viñan con ganas de ofrecer novidades. Logo de discutir os puntos da orde do día, preguntamos por varios asuntos.

Interesámonos polos concursos de traslados que están en marcha e tamén polos que están pendentes. Sobre os que están en marcha, nada, que seguen o seu curso. Sobre o concurso das escalas sociais, volven a dicirnos que estamos á espera da RPT do Consorcio. Instámolos a resolver ese asunto canto antes. O concurso de veterinarios terá que esperar polos procesos selectivos convocados.

Levamos anos esixindo a convocatoria do concurso específico sen resposta por parte da Administración. As consellerías sinalan a Función Pública e Función Pública sinala ás consellerías. Agora nos din que están analizando os postos para a convocatoria. Para nós, isto sona a que non están facendo nada. Seguiremos insistindo.

Preguntamos pola carreira profesional. Durante o segundo semestre deste ano, deberían convocar un proceso extraordinario para o grao III. Aseguran que están en prazo para facelo.

Sobre os procesos de estabilización e as puntuacións que aínda non se publicaron, aseguran que o farán proximamente, durante os meses de setembro e outubro.

Preguntamos polas eleccións de destino pendentes de enxeñeiros de montes e técnicos forestais. Máis do mesmo, proximamente.

Veremos se esta falta de concreción vaise resolvendo nas vindeiras xuntanzas.