Damos conta, na seguinte nota informativa, dos asuntos abordados na reunión da Mesa Xeral celebrada o pasado luns e a posición de CSIF ao respecto: o anteproxecto de decreto sobre o acceso de persoas con discapacidade intelectual a postos na Xunta de Galicia e a proposta de modificación da RPT da Consellería de Sanidade-SERGAS no marco da nova estrutura organizativa e das disposicións da Lei de Orzamentos de Galicia.
- Anteproxecto de decreto para o acceso do persoas con discapacidade intelectual a postos da Xunta de Galicia.
Presentóusenos o texto, sobre o que xa se fixeran alegacións nas reunións previas, no que se regula a forma de provisión de postos do persoal con discapacidade intelectual na Xunta de Galicia. Dende este sindicato, fíxose fincapé na necesidade dunha regulación máis ampla que abranguese a tódolos tipos de discapacidade, como así ocorre noutras Administracións Autonómicas.
- Proposta de modificación da RPT da Consellería de Sanidade-Sergas.
Tratouse a modificación da RPT da Consellería de Sanidade. Esta modificación está obrigada pola adaptación de RPT ao Decreto de Estrutura da Xunta de Galicia no que se amortizan, crean e traspasan postos, tanto da Consellería como do Servizo Galego de Saúde.
Dende CSIF insistimos no compromiso de que os postos de Xefaturas de Servizo nivel 28 fosen cubertos polo sistema de Concurso Específico e non utilizando a Libre Designación. Da mesma maneira, atopamos razoable a proposta da Consellería de abrir ao A2 as Xefaturas de Seccións da Lei 17/1989, se así se garante a cobertura deses postos, se ben cremos que estes postos deben ser cubertos por persoal da Xunta de Galicia e persoal estatutario do Sergas e non que estean abertos á AGE e outras CCAA, como así ocorre en certos postos.
Propúñase tamén unha modificación derivada da Lei 4/2024, de Orzamentos Galicia sobre a homologación retributiva da escala de letrados, para equiparar os salarios cos do Consello consultivo de Galicia. Mais alá de estar de acordo con calquera mellora retributiva do persoal ao servizo da Administración, apuntamos que este exemplo debería aplicarse, da mesma maneira, noutros casos e a outros niveis.
Tamén solicitamos a corrección da denominación ATS/DUE, xa feita con anterioridade nas reunións previas, pola de persoal de Enfermería ou Persoal Graduado en Enfermería.
