Damos conta, na seguinte nota informativa, dos asuntos tratados na Mesa Sectorial celebrada o paraso luns: a proposta de modificación da RPT da Consellería de Presidencia, derivada da nova estrutura orgánica e da reordenación da Asesoría Xurídica Xeral; e a proposta de modificación da RPT da Administración Xeral e Especial, coa que se busca adaptar os postos ás escalas e especialidades dos corpos funcionariais. Desde CSIF destacamos a falta de negociación previa nalgúns casos e reiteramos a necesidade de priorizar o acceso do persoal da Xunta fronte a outras administracións.
- Proposta de modificación da RPT da Consellería de Presidencia.
Tal e como se especifica na Memoria Xustificativa, a modificación responde á actualización da RPT para adaptala á nova Estrutura Orgánica e á adecuación do persoal da Asesoría Xurídica Xeral.
O balance Creación/Amortización é claramente favorable xa que se crean 8 postos e se amortiza 1, o da Xefatura de gabinete estudos e dereito comunitario sendo esta amortización proposta por emprego público ao entender que non pode ser tratada como unha modificación senón como unha amortización para logo crear o posto de Xefatura de gabinete sala contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Como xa sucedera na Consellería de Sanidade, a de Presidencia está tamén afectada pola modificación derivada da Lei 4/2024, de Orzamentos Galicia sobre a homologación retributiva da escala de letrados, sendo a nosa petición a mesma, a de que este exemplo debería aplicarse, da mesma maneira, noutros casos e a outros niveis.
Solicitamos tamén que a forma de adscrición dos postos ofertados fose preferente para o persoal da Xunta de Galicia e non aberta a outras Administracións e outras Comunidades Autónomas.
- Proposta de modificación da RPT da Administración Xeral e Administración Especial.
A modificación desta RPT consistente na incardinación dos postos existentes en distintas Consellerías e Organismos, conforme ás escalas e especialidades dos corpos de persoal funcionario da Administración xeral e de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia como se especifica nas disposicións adicionais oitava e novena da Lei de Emprego público de Galicia.
A presente modificación foi impulsada dende esta Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e non conta coa negociación previa entre as consellerías e as organizacións sindicais, e como se especifica na Memoria Informativa, esta producirase na mesa de negociación correspondente e con carácter previo á comisión de persoal.
Explícasenos que son 178 os postos afectados pola modificación que consiste, por unha parte, na adaptación das funcións que se están a desenvolver e poder así dar elección de destino, e por outra para poder finalizar os procesos de estabilización derivados da Lei 20/21, ademais dos postos procedentes de funcionarización que deben ser adaptados as distintas especialidades.
