CSIF, CCOO e UGT esixen a retirada dos borradores de convocatoria da promoción interna

Solicitamos a apertura dunha Mesa de negociación específica que permita definir un modelo de promoción máis xusto e accesible.


As organizacións sindicais CSIF, CC.OO e UGT coincidimos na Mesa Sectorial de Persoal
Funcionario en rexeitar os borradores de convocatoria dos procesos de promoción
interna presentados pola Administración autonómica.

As tres organizacións sindicais esiximos a súa retirada e a apertura dunha negociación
seria e en profundidade que permita definir un novo modelo de promoción interna
máis xusto, accesible e eficaz.

CSIF, CCOO e UGT defendemos que a promoción interna debe ser unha vía real de
desenvolvemento profesional e non unha carreira de obstáculos, como acontece na
actualidade.

O sistema vixente, lonxe de favorecer a promoción e o recoñecemento do persoal,
penaliza a traballadoras e traballadores con anos de experiencia, moitos dos cales xa
realizan funcións propias do grupo ou subgrupo ao que aspiran.

CSIF, CCOO e UGT defendemos a necesidade de introducir cambios radicais que
transformen o modelo e o orienten cara a procesos que impulsen, favorezan e faciliten
a promoción interna.

As tres organizacións sindicais consideramos imprescindible abandonar o actual
modelo ríxido e excluínte e avanzar cara a un sistema moderno, transparente e
equitativo, que recoñeza o esforzo, a cualificación e a traxectoria do persoal público.