CSIF, UGT e CCOO concéntranse en toda España para dicir xa abonda! ao ministro Óscar López: ou senta a negociar ou terá folga xeral

En Galicia, as concentracións tiveron lugar fronte á Delegación do Goberno na Coruña e as Subdelegacións en Lugo, Ourense e Pontevedra. Os responsables dos tres sindicatos rexistraron un escrito solicitando ao ministro a apertura das negociacións xa. Tras a concentración celebrada en Madrid fronte ao ministerio, a nova secretaria de Estado de Función Pública, Consuelo Sánchez Naranjo, convidou os líderes sindicais ao seu despacho para informarlles de que o vindeiro mércores, 5 de novembro, ás 11:00, reanudarase a negociación colectiva nas administracións públicas.

Desde CSIF valoramos esta decisión do Ministerio, pero avisamos de que non estamos dispostos a perder máis tempo e esiximos que nesta primeira reunión, o departamento de Óscar López presente unha oferta económica para mellorar as retribucións das/os empregados públicos. Nesa liña advertimos de que, se non hai acordo, haberá folga en decembro.

CSIF, UGT Servizos Públicos e a área Pública de CCOO convocaron concentracións hoxe 30 de outubro fronte ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, así como ante as Delegacións e Subdelegacións do Goberno en toda España, por uns servizos públicos de calidade, incrementos salariais, máis emprego e mellora das condicións laborais para máis de tres millóns e medio de empregadas e empregados públicos. En Galicia as concentracións tiveron lugar na Coruña fronte á Delegación do Goberno e en Lugo, Ourense e Pontevedra fronte ás sedes das Subdelegacións do Goberno.

Esta mobilización responde á urxente necesidade de defender o Estado do Benestar, ameazado pola deterioración progresiva dos servizos públicos. É unha realidade que coñece perfectamente o Goberno: a deterioración do público está a provocar situacións indesexables que se traducen nunha maior resposta social, vémolo na Sanidade, na Educación, nos Servizos Sociais, na Xustiza e no resto de sectores estratéxicos, así como na xestión diaria de servizos públicos esenciais. Vémolo na indignación social ante os fallos sanitarios, a deterioración das aulas, as catástrofes naturais, os incendios ou as dificultades no acceso aos trámites administrativos por poñer só algúns exemplos. A resposta da sociedade é o mellor termómetro para valorar a calidade e a satisfacción co público.

Denunciamos en reiteradas ocasións a falta de persoal, o envellecemento dos cadros de persoal ou a desmotivación, que se traducen no malestar das persoas usuarias. Desde as tres centrais sindicais lembramos ás Administracións Públicas e aos seus sectores públicos que se necesitan cambios profundos para a imprescindible transformación e modernización dos servizos públicos e que, para iso, hai que empezar por reverter o perdido nas dúas últimas décadas. Por iso, esiximos a reapertura inmediata da mesa de negociación para garantir os incrementos salariais, un incremento e mellora do emprego público e das condicións de traballo de máis de tres millóns e medio de empregadas e empregados públicos no conxunto do Estado, 177.000 en Galicia.

En vista do atraso e da desidia por parte do ministro Óscar López, ao non atender as xustas demandas das tres centrais sindicais, continuaremos co proceso de mobilización posto en marcha, que comezou con estas concentracións de hoxe, 30 de outubro. O seu desenvolvemento e intensificación nas próximas semanas e meses dependen da vontade e decisión do ministro de negociar. Como xa avisamos, non descartamos ningunha acción ou medida de presión, incluída a folga xeral. O ministro debería tomar nota da nosa decisión inequívoca de intensificar a protesta se non sentan inmediatamente a negociar.

Hai que recuperar e estabilizar emprego público, hai que dignificalo, hai que garantir a suba salarial de 2025 e recuperar poder adquisitivo, cun novo acordo plurianual en materia salarial e de emprego, e, sobre todo, hai que redeseñar unhas administracións públicas dimensionadas ao Estado do Benestar, accesibles á cidadanía, de calidade, que se convertan en orgullo das actuais e futuras xeracións do noso país. E isto non se consegue con parches ou con políticas curtopracistas. Lógrase negociando con amplitude de miras e considerando ás organizacións sindicais como axentes esenciais na mellora dos servizos públicos. O futuro do público e do Estado do Benestar dependen en gran medida das nosas decisións e accións. Por iso, convidamos ao conxunto da cidadanía a defender os servizos públicos.