Comisión de Persoal 23 Xaneiro: Aprobada a modificación da RPT do IGE, adiada a da Consellería do Mar e información sobre procesos selectivos de Cociña

Na Comisión de Persoal celebrada o pasado venres, o único punto sometido a votación foi a modificación da RPT do IGE, que plantexaba o cambio de códigos para adaptarse ao Decreto 16/2025 de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta, e para dar resposta á necesidade derivada da cobertura de praza do proceso de 2023 mediante a creación dun novo posto no Instituto. Este punto foi aprobado co voto a favor da CSIF e das demais organizacións sindicais presentes.

A pesar de que o orde do día incluía tamén outros tres puntos para a súa votación, ningún outro foi sometido a decisión:

  • Modificación RPT Consellería do Mar
  • Modificación Resolución Procesos selectivos C1 Técnicos Cociña
  • Modificación Resolución Procesos selectivos C2 Auxiliares Cociña

Nada máis comezar a Comisión, desde Emprego Público comunicáronnos que o primeiro dos puntos, a modificación da RPT da Consellería do Mar —que tiña como obxectivo posibilitar o nomeamento como persoal funcionario das persoas que superaron os procesos de estabilización mediante a modificación do código 698 para o posto de Profesor de Intervencións Subacuáticas e do código 434 para o de Profesor de Navegación Marítima— quedaba retirado do orde do día para estudar as alegacións presentadas á modificación.

Do mesmo xeito, informáronnos que os puntos referentes aos procesos selectivos de C1 e C2 eran meramente informativos, sen necesidade de votación. Nestas propostas propuxeran a supresión de determinados temas da parte específica, concretamente o relacionado co programa de xestión CENPOS, ao considerar que a súa inclusión podería afectar ao principio de igualdade do proceso, xa que dito programa non pode ser consultado por todos os aspirantes.