- A central destaca o desinterese de Función Pública por uns procesos selectivos obxectivos e limpos a pesar de unirse a estas reclamacións o PSdeG e Grupo Mixto.
- Todos os sindicatos esixen que se retomen as negociacións, paralizadas tras facer públicas CSI-F as sentenzas do TS e TSXG alertando da arbitrariedade.
A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-F) lamenta que dean comezo as oposicións da Xunta sen que Función Pública cumprise o seu compromiso de establecer unhas instrucións que eviten a arbitrariedade existente nos Tribunais de Selección, como quedou patente en numerosas sentenzas do Tribunal Supremo e do TSXG, o que deixa nunha total indefensión aos miles de opositores que se presentan.
Para o sindicato independente, é evidente que a Xunta non ten ningún interese en que os procesos selectivos se desenvolvan con transparencia e con total obxectividade xa que despois de transcorridos seis anos das primeiras negociacións e de que estas se volvesen a retomar recentemente por insistencia dos sindicatos, se volveron a paralizar tras facer públicas CSI-F varias sentenzas onde se alertaba dunha total falta de control e de arbitrariedade nos Tribunais das Oposicións, mesmo en vía xurisdiccional.
A central sindical destaca os oídos xordos da Xunta non só ante as denuncias deste sindicato, que reclamou, entre outras vías garantistas dos procesos selectivos, a creación da figura do ‘observador da legalidade’, senón tamén do PSdeG e do Grupo Mixto, que se fixeron eco das denuncias e da proposta de CSI-F no Parlamento. Ademais, sumáronse á esixencia desta figura o resto de centrais sindicais, UGT, CCOO e CIG.
O ‘observador da legalidade’, implantado xa noutras Administracións Públicas, sería nomeado polas organizacións sindicais máis representativas na Función Pública e, aínda que non formaría parte dos tribunais de selección, participaría con voz e sen voto no tipo de probas e, sobre todo, no control da avaliación.
CSI-F destaca que as sentenzas do Tribunal Supremo e do TSXG non son casos illados, polo que urxe articular mecanismos que eviten sospeitas de falta obxectividade, transparencia e limpeza e, sobre todo, que garantan a imparcialidade e eviten a indefensión dos opositores. Estas mínimas garantías, que foron reclamadas por todas as forzas sindicais recentemente esixindo que se retomen as negociacións, deberían incluír, ademais da figura do observador da legalidade:
- A expresión do material ou as fontes de información sobre as que vai operar o xuízo técnico.
- A consignación dos criterios de valoración cualitativa que se utilizará para emitir o xuízo técnico.
- A expresión do porqué a aplicación deses criterios conduce ao resultado individualizado que outorga a preferencia dun candidato fronte aos demais.