Este venres 28 de outubro os responsables da Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais mantivemos unha xuntanza para a determinación das condicións nas que se aplicará a dispoñibilidade horaria imposta ao persoal FISP tras a última modificación da RPT da Consellería de Sanidade e do SERGAS.
O feito é que a Administración propuxo un texto no que ao final da xuntanza se incorporaran moitas das reclamacións sindicais. O texto do acordo proposto pola consellería era e quedou como segue:
- “A dispoñibilidade horaria dos postos de persoal farmacéutico inspector de saúde pública establecida na RPT da Consellería de Sanidade, publicada no DOG do 28 de setembro de 2016, ten por obxecto dar cobertura ás situacións de necesidade ou urxencia que demanden unha actuación administrativa inmediata, por mor do acaecemento ou da probable exposición da poboación, ou dunha parte de ela, a un risco inminente”
Neste parágrafo, e nos restantes do acordo, excluirase a referencia ás situacións de “necesidade”. Entendemos que se xustifique a inclusión de situacións de urxencia que demanden una actuación inmediata, pero non a necesidade, que aporta unha maior inseguridade nas tarefas que poden estar incluídas no seu ámbito de aplicación. Ademais, engadirase unha referencia á necesidade de motivación das situación de urxencia, que entendemos incuestionable á hora de xustificar calquera exceso de xornada por parte do persoal farmacéutico inspector de saúde pública.
- “En ningún caso a devandita dispoñibilidade horaria irá aparellada ao desempeño da actividade ordinaria programada propia do persoal farmacéutico inspector de saúde pública, e será esixible dentro da súa xornada de traballo de luns a venres, cun máximo de 37,5 horas semanais”.
A Consellería comprométese a buscar unha redacción que faga referencia ás compensacións en caso de exceso de xornada, e que dea a seguridade ao persoal FISP de que seguirán sendo compensados polos servizos que presten fora da xornada ordinaria de traballo.
- “Os cambios de xornada que, de ser o caso, se produzan para atender ás situacións de necesidade ou urxencia definidas na dispoñibilidade horaria, aplicaranse baixo criterios de igualdade, equidade e proporcionalidade entre todos os profesionais”.
Buscarase unha redacción alternativa que elimine a referencia a “cambios de xornada”. Dende a CSI•F demandamos na propia xuntanza que se retirase a referencia aos cambios de xornada do texto, en tanto entendemos que un cambio de xornada do persoal implica necesariamente unha planificación que de ningún xeito podería estar incluída nas situación de urxencia ás que se refire este acordo. En todo caso, a Administración manifestou que non era a súa vontade facer esta referencia, polo que se buscará outra redacción para este parágrafo que o que quere significar é a realización destas actuacións baixo o mandato dos principios de igualdade, equidade e proporcionalidade.
- “Constituirase unha comisión paritaria de seguimento deste acordo, para tratar calquera problemática ou discrepancia relacionada coa dispoñibilidade horaria dos farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública, composta por catro membros en representación da Consellería de Sanidade e catro membros en representación das organizacións sindicais asinantes. Esta comisión reunirase unha vez ao ano así como cando concorran circunstancias extraordinarias que o motiven, por petición de cada unha das partes asinantes do acordo”.
Como garantía adicional á creación da comisión de seguimento, se engadirá no acordo a necesaria comunicación á Xunta de Persoal correspondente das situacións que fagan necesario acudir á aplicación da dispoñibilidade horaria, tamén debidamente motivadas.
Dende a CSI•F queremos destacar que nin moito menos podemos estar de acordo con que o persoal inspector farmacéutico de saúde pública sexa o único corpo inspector da Consellería de Sanidade que está nun nivel 22 e respecto do que consta na RPT a súa “Dispoñibilidade Horaria”, e que loitaremos sempre a favor da equiparación total destes traballadores.