En illamento todos os traballadores do SPIF da demarcación da Paradanta (Distrito XVII)

CSIF Solicita a Medio Rural reducir os contactos entre o persoal nos puntos de encontro e nos vehículos e establecer de novo a dispoñibilidade telefónica.

Nestes días, co tempo chuvioso e de xeito innecesario, a Consellería do Medio Rural mantivo ao persoal do SPIF confinado nos vehículos e nos bases, incrementando o risco de contacto e favorecendo a posibilidade de transmisión do COVID-19.

Tanto é así, que se detectou un caso positivo ao COVID-19 no distrito forestal XVII, e se pasou ao estado de illamento a todo o persoal do punto de encontro da Cañiza, á espera das probas PCR. Dende CSIF xa solicitamos á Consellería de Medio Rural toda a información ao respecto deste suceso e as actuacións a levar a cabo, sen obter ningunha resposta ate o momento.

Segundo os datos dos que dispoñemos ate o momento de xeito non oficial, o illamento afecta a 10 brigadas, 9 Conductores de Motobomba, 2 Axentes e unha Emisorista.

Dende a CSIF xa advertíramos á Consellería do risco da volta ao traballo presencial sen protocolos suficientes de protección fronte a COVID-19, tendo en conta que unha parte do persoal carece de bases ou puntos de encontro (tendo que permanecer durante toda a xornada de traballo, 4 ou 5 persoas, dentro do seu vehículo) e outra parte do persoal dispón de bases ou puntos de encontro onde non se pode garantir a distancia interpersoal mínima de seguridade.

Nestes intres, e coa situación actual da pandemia en Galicia, é prioritario protexer a saúde dos empregados públicos que forman parte do dispositivo contra incendios e garantir a operatividade do Servizo, polo que dende a CSIF vimos de solicitar á Consellería de Medio Rural, voltar a dispoñibilidade telefónica do persoal do SPIF, e reducir a presenza do persoal nos centros de coordinación, có fin de minimizar ao estritamente necesario os contactos entre o persoal nos puntos de encontro, nos vehículos, nos centros de coordinación…

É pública e notoria a información sobre o incremento de contaxios de Coronavirus en Galicia, e a  Consellería de Medio Rural non pode pechar os ollos ante esta situación. Non tomar medidas para reducir os contactos entre o persoal, diminuíndo a posibilidade de contaxios, pon en risco a saúde do persoal e a operatividade do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais.

A CSIF esixe a adopción urxente destas medidas con caracter previo á convocatoria extraordinaria dun Comité de Seguridade e Saúde Laboral, onde se deberán valorar o resto de medidas a adoptar.