Criterios para a elección de destino dos funcionarios de novo ingreso.

Criterios xerais defendidos pola CSIF para a elección de destino dos funcionarios de novo ingreso.

Sen prexuízo das alegacións ás prazas concretas que se están a recibir por parte dos afectados e que estamos a tramitar a través da aplicación informática que Función Pública habilitou a tal efecto ás organizacións sindicais, dende a CSIF formulamos como Criterios Xerais aos buzóns de postos de elección de destino para os funcionarios de novo ingreso en calquera corpo e/ou escala desta Administración, os seguintes:

Primeiro: Exclusión de todas aquelas prazas que estean ocupadas por funcionarios de carreira, incluíndo os postos provistos provisionalmente mediante comisións de servizos.

Segundo: Exclusión de calquera praza incluída no concurso de traslados de persoal funcionario, aínda pendente de resolución.

Terceiro: Ofertar para elección de destino do persoal funcionario de novo ingreso aquelas prazas nas que concurran os seguintes requisitos:

  1. Vacantes puras.
  2. Postos bases.
  3. Postos sen esixencia de requisitos imprescindibles de titulación. Non é razoable e resulta de dubidosa legalidade a esixencia dunha titulación a un aspirante que superou un proceso selectivo para o que non se esixía ningunha titulación específica.

Cuarto: De non ser suficientes os postos que cumpran os requisitos anteriores:

  1. Prazas que inclúan requisitos de titulación.
  2. Prazas de nivel, vacantes puras, que houberan sido ofertadas en comisión de servizos por tres veces e resultaran desertas, sempre en cando non estean incluídas no concurso de traslados de persoal funcionario de carreira pendente de resolución.