O goberno galego incumpre a súa propia Lei de transparencia, ocultando o número e retribucións dos seus asesores, así como os contratos de alta dirección.
Os asesores e as súas retribucións.
A pesares de estar obrigada pola Lei de emprego público de Galicia (art. 32.2) e pola Lei de transparencia e bo goberno (art. 10.b), o goberno galego retirou da súa web de transparencia a información relativa ao número de asesores e persoal de apoio de que dispón cada conselleiro, así como as condicións retributivas dos mesmos.
Inicialmente a web de transparencia da Xunta de Galicia facía pública unha relación nominativa de tal persoal, xunto co importe das súas retribucións. Pola contra, actualmente so se fai pública a relación nominativa e retribucións anuais dos xefes de gabinete e de prensa, pero oculta toda mención ao resto do persoal eventual e de confianza.
A Lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, aprobada polo goberno bipartito, recollía a esixencia da publicación nominativa das retribucións públicas percibidas polo persoal eventual, con expresa indicación dos diferentes conceptos retributivos. E a dita esixencia se materializaba de forma escrupulosa.
Pola contra, a Lei 1/2016, transparencia e bo goberno, aprobada polo goberno do Partido Popular galego é bastante máis restritiva neste tema. Así, remite ao artigo 32 da Lei do emprego público de Galicia, que unicamente establece a obriga de facer público o número e as condicións retributivas pero non a relación nominativa de asesores de que dispón cada conselleiro.
Sen embargo, na web de transparencia nin se publica o número de que dispón cada conselleiro nin as condicións retributivas de cada un deles.
Paradoxalmente, chama a atención que nesta mesma cuestión fora o propio Partido Popular no Congreso quen denunciase o pasado ano que a Ministra de Igualdade se negase a facilitar a identidade dos seus asesores, que “foran nomeados a dedo, e a precisar o soldo que cobran”.
Os contratos de alta dirección de persoas que non teñen a condición de empregados públicos.
Algo similar ocorre coa relación de contratos de alta dirección. É dicir, aqueles contratos que se lles fai a persoas que non teñen a condición de empregados públicos para nomealos directivos en distintos entes instrumentais.
A Lei de transparencia e bo goberno establece como unha obriga específica de información en materia de persoal a relación de contratos de alta dirección, con indicación das retribucións anuais e as indemnizacións previstas ao final do contrato.
Nun primeiro momento a dita información se facía pública na web de transparencia da Xunta de Galicia, xunto co importe das súas retribucións. Non obstante, esta información deixou de actualizarse en marzo de 2016.
Así, no dito portal figuran como persoal directivo persoas que xa non ocupan os ditos postos. Pero, pola contra, deixaron de facerse públicos os novos contratos realizados a partir de marzo de 2016.
O Presidente de la Xunta anuncia unha ampliación dos portais de transparencia
O pasado 4 de marzo de 2021, o Presidente da Xunta de Galicia anuncio a aprobación do primeiro Plan xeral de mellora dos servizos públicos do sector autonómico galego 2021-2023 que, segundo afirmou, contempla a ampliación de portais de transparencia…
Tal vez nesta ocasión o seu equipo de asesores non estivo acertado, pois a novidade no é o anuncio da creación de novos portais de transparencia. A verdadeira noticia sería o compromiso de que a Xunta de Galicia vai cumprir escrupulosamente coa Lei de transparencia e bo goberno.
A Consellería de Facenda é a responsable do portal de transparencia da Xunta de Galicia.
A xestión da web de transparencia correspóndelle á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, que está adscrita á Consellería de Facenda.
Antes da elaboración desta denuncia, CSIF tratou de poñerse en contacto en reiteradas ocasións cos responsables da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, e mesmo dirixiuse a ela por escrito para que se dera cumprimento ao disposto na Lei de transparencia e bo goberno. Lamentablemente non houbo resposta.
A transparencia é o inimigo íntimo da corrupción e do abuso de poder.