Nas últimas Mesas Xerais, celebradas o 16 e 17 deste mes, tratamos as materias de persoal do anteproxecto de lei de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024 e a súa lei de acompañamento. Na Comisión de Persoal do 17.10.2023, como único punto do día, votamos sobre a lei de medidas.
Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
Os cambios máis salientables teñen que ver coa eliminación do apartado d) do artigo 173 que regula as excedencias e coa introdución dunha disposición adicional sobre a inclusión de prazas adicionais nas convocatorias de procesos selectivos.
No caso do artigo 173, elimínase a posibilidade de obter una excedencia por interese particular no caso de prestar servizos como persoal interino ou laboral temporal nunha administración pública.
O argumento da Xunta é que a concesión destas excedencias supuxo que aproximadamente o 20% das persoas que superaron os últimos procesos selectivos non tomaran posesión, xerando unha gran cantidade de prazas vacantes. Coa eliminación deste apartado pretenden poñer freo a esta situación, limitando así a concesión das excedencias a quen teña tomado posesión de xeito efectivo e cumpra co resto dos requisitos.
Dende a CSIF somos conscientes desta situación e entendemos que hai que darlle solución, pero pensamos que esta medida é desproporcionada. Así mesmo, supón un agravio para o resto dos aspirantes de procesos xa en marcha, aos que lles cambian as regras do xogo na metade do partido. Limitar os dereitos do persoal non nos parece o camiño axeitado para solucionar este (nin ningún outro) problema.
Con respecto á disposición adicional que propón a Xunta, a pretensión é incluír nas convocatorias prazas aínda non vacantes e non incluídas na correspondente OPE. Pretenden adiantar a convocatoria das prazas que se prevé que queden vacantes nos próximos exercicios, iso si, a costa da OPE e da taxa de reposición dos anos seguintes e sen a garantía para os aspirantes de que finalmente ocuparán esas prazas. En cada convocatoria, haberá unha serie de persoas que superen o proceso selectivo que quedarán en “expectativa de coller praza e ser nomeadas funcionarias”(¿?). É dicir, cos dedos cruzados á espera de que a persoa correspondente decida xubilarse e non prorrogar a súa vida laboral.
Parécenos un cambio demasiado relevante como para presentalo así, se dar opción a discutilo e sen tempo para propoñer alternativas.
Outros cambios que se introducen teñen que ver cos permisos. Destacan os seguintes:
Nas reducións e adaptacións de xornada de traballo, para o coidado dun fillo ou filla con cancro ou enfermidade grave, amplíase en algúns supostos a idade do causante, podendo chegar ata os 23 anos se o diagnóstico foi anterior á maioría de idade ou mesmo ata os 26 anos se o causante ten un grao de discapacidade igual ou superior ao 65%.
Nos casos de accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización dun familiar ata 1º grao, o persoal funcionario terá dereito a un permiso de cinco días hábiles. Ata o 2º grao, o permiso será de catro días.
No caso de falecemento, dentro do 1º grao o persoal funcionario terá dereito a un permiso de tres días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade, e cinco días hábiles, cando sexa en distinta localidade. Para o 2º grao de consanguinidade ou afinidade, o permiso será de dous días hábiles cando se produza na mesma localidade e de catro días hábiles cando sexa en distinta localidade.
No permiso por adopción ou acollemento, inclúese a asistencia a sesións informativas e de preparación previas á declaración de idoneidade.
Medidas propostas pola CSIF
Probablemente, os cambios máis importantes son os que non se producen. Dende a CSIF vimos reclamando dende hai tempo unha serie de medidas que (aínda) non se incorporaron ao texto. Seguiremos insistindo porque, tarde ou cedo, terán que telas en conta:
Esiximos a derogación da Lei 1/2012, e polo tanto, a recuperación de tódolos dereitos que foron suprimidos. Solicitamos a reposición do 100 % do fondo de acción social, dos días de libre disposición así como dos artigos do Convenio Colectivo que quedaron en suspenso. Insistimos na recuperación do importe íntegro das pagas extraordinarias e na xornada de 35 horas para todo o persoal.
Tamén pedimos que se desenvolva o concurso de traslados aberto e permanente, que se regule e impulse a promoción interna, tamén a promoción interna temporal. O mesmo para o sistema ordinario de carreira profesional.
Solicitamos que se anulen as incompatibilidades do persoal que ocupa prazas de 6 meses e a transformación desas prazas a 12 meses.
Posición dos sindicatos na Comisión de Persoal
Na Comisión de Persoal do día 17, tódalas organizacións sindicais votamos en contra do texto proposto pola administración.