Dous días hábiles. O prazo é tan pequeno que habería que expresalo en horas. O
pasado xoves convocáronos a unha xuntanza para comezar a negociación das
bases e este luns xa quedaron aprobadas na Comisión de Persoal.
Tódalas organizacións sindicais expresamos a nosa indignación, pero unicamente
CSIF tivo a coraxe de votar en contra.
O texto quedou exactamente igual que a proposta inicial. Non atenderon ningunha das alegacións que lles trasladamos.
Pensamos que o concurso de traslados debe ser permanente. Insistimos na necesidade de convocar tamén o concurso específico. Manifestámonos en contra das áreas funcionais tal e como están propostas. Pedimos que se amplíe a formación valorable. Falamos tamén da xente que pasou anos en destino provisional e que se ve penalizada por esta circunstancia. Pedimos que se amplíen os supostos puntuables no caso das medidas de conciliación e igualdade de xénero. Esiximos que non se adxudique de oficio un posto ao persoal a dispor que cumpra coa obriga de concursar ou que, alomenos, os criterios teñan en conta a proximidade.
Ningunha das nosas propostas escapa do sentido común e a maioría son ben
doadas de levar a cabo. Así e todo, previsiblemente, nunhas semanas se publicará o
concurso coas bases tal e como as deseñou a administración.
Sobre o buzón de postos, tal e como cabía esperar, poderemos seguir facendo
alegacións. É imposible revisar tantas prazas no prazo que nos deron inicialmente e
tamén nos anuncian que os buzóns aínda sufrirán cambios, polo que seguimos
traballando nesta cuestión.
Engadirán algunhas prazas e retirarán outras como consecuencia da modificación
da RPT de Educación e da funcionarización de prazas de laboral que se aprobaron
este mesmo luns. Retirarán varios postos en confrarías, os postos ocupados por
persoas con discapacidade intelectual, algún posto por falta de dotación
orzamentaria e outros con reserva por incapacidade. No buzón estarán incluídos os
postos da estabilización da Lei 20/21. Os postos ocupados en adscrición por motivos
de saúde non sairán nesta primeira fase. Ofreceranse en resultas, de xeito que se a
persoa adscrita acada outro no concurso, estes postos non queden vacantes.
Finalmente serán unhas 2.900 prazas para corpos xerais e 600 para enxeñería,
arquitectura e ciencias.
¿E para o resto do persoal? Ante a nosa pregunta sobre os concursos para o resto
dos colectivos, responden que antes hai que seguir traballando na integración do
persoal do Consorcio e na RPT de Política Social. Non avanzan nada máis.
