O Consello Galego de Medio Ambiente aborda a instalación da pasteira ALTRI e queda á espera dos informe sectoriais.

O Plan de xestión do Monumento Natural Serra de Pena Corneira e ALTRI foron obxecto de debate no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O pasado día 31 de maio celebrouse no Consello Económico e Social de Galicia (CES) unha reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (COGAMADS) para presentar o Plan de xestión do Monumento Natural Serra de Pena Corneira, que abrangue unha ampla zona comprendida entre os concellos de Avión, Carballeda de Avia e Leiro e que se presentará ao Consello da Xunta de Galicia durante este mes de xuño.

Pena Corneira é un dos oito espazos que teñen esta catalogación en Galicia sendo o de maior extensión, cunha superficie aproximada de 998 hectáreas.

O que se pretende co Plan é fixar as liñas de actuación para o coidado e mantemento deste ben natural durante os próximos anos, establecendo unhas liñas de actuación, fixando unha normativa que limite os impactos e aportando os fondos necesarios para o seu desenvolvemento.

Estaba tamén na Orde do día o tema da Instalación da Fabrica de ALTRI en Palas de Rei. Como é sabido, a portuguesa ALTRI pretende instalar un macro complexo papeleiro para a producción de pasta de papel e Lyocell (fibra de orixe vexetal, pero semisintética). O proxecto Gama, que así foi denominado, declarouse no ano 2022 Proxecto Industrial Estratéxico pola Xunta de Galicia.

Como non podía ser de outra maneira, estableceuse un debate no que xurdiu a preocupación existente na sociedade pola instalación deste complexo, que levou a un acendido intercambio de opinións acerca de distintas cuestións tanto técnicas como económicas sobre a idoneidade da localización e os posibles impactos, así como da contestación social que este proxecto está a ter.

Á espera dos informes sectoriais das distintas consellerías afectadas, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Angeles Vázquez deu por finalizada a reunión.

Antonio Quintana representante do CSIF no COGAMADS

 

*Imaxe: Xunta de Galicia