A Dirección Xeral vén de aprobar o Protocolo para a Protección ás Persoas Empregadas
Públicas Vítimas de Violencia de Xénero. En rogos e preguntas, adiantaron algo de
información sobre outros asuntos en resposta a algunhas das preguntas das organizacións sindicais.
O pasado luns, a Dirección Xeral de Emprego Público levou á Mesa Xeral unha proposta de
protocolo para a protección das persoas empregadas públicas vítimas de violencia de xénero. Este protocolo foi elaborado en desenvolvemento do Plan de Igualdade da Xunta de Galicia asinado pola Administración e as organizacións sindicais CSIF, CCOO e UGT. O texto xa fora discutido na Comisión de Seguimento do Plan de Igualdade da que CSIF forma parte como asinante do Plan de Igualdade. Polo tanto, o último trámite para a súa aprobación era levalo á Mesa e á Comisión, cousa que sucedeu esta semana. Finalmente, o Protocolo foi aprobado co voto favorable de tódalas organizacións sindicais.
Non houbo máis asuntos na orde do día, salvo os que se trataron moi brevemente en rogos e preguntas. Destacamos os seguintes:
Sobre a carreira profesional, informan que xa están tramitadas a maioría das solicitudes da última convocatoria extraordinaria. Así e todo, aínda hai algunhas pendentes que prevén ter resoltas durante este mes.
Recoñecen erros nas baremacións provisionais no proceso extraordinario do grupo A2 e aseguran que os irán corrixindo de oficio antes da publicacion do baremo definitivo.
Preguntados sobre a toma de posesión dos laborais funcionarizados
por promoción específica, aseguran que terá lugar unha vez que estean todos os postos funcianarizados unha vez modificadas todas as RPTs de funcionarización.
Sobre o acordo do SPIF, prevén levalo ao Consello da Xunta durante este mes para a súa posterior publicación.
Sobre a Comisión de Seguimento do Acordo de Política Social, da que solicitamos a convocatoria dunha xuntanza, informan de que están traballando no documento de criterios pero non nos adiantan unha data.
Sobre os procesos de estabilización dos entes que poidan ir rematando, aseguran que coordinarán os tempos cos de Función Pública para evitar os problemas que poidan xurdir.
Sobre a devolución de taxas das solicitudes erradas dos procesos da Lei 20/2021 aseguran que xa se iniciou e que seguirán facendo as devolucións que correspondan.
