Na última Comisión de Persoal celebrada o pasado venres, CSIF solicitou información sobre o calendario previsto para a resolución do concurso de traslados e os actos de elección de destino, así como sobre a toma de posesión de distintos colectivos actualmente pendentes destes procesos. A Administración trasladou as súas previsións sobre os prazos e a orde na que se desenvolverán estes procedementos.
Dende CSIF preguntamos polos actos de elección de destino dos corpos xerais, en concreto sobre se as resolucións de elección de destino se publicarán antes ou despois da resolución do concurso de traslados.
A Administración respondeu que está a traballar en paralelo nas dúas resolucións (concurso e elección de destino) e que a previsión é que se publiquen ao longo deste mes de abril. Explicaron que, en todo caso, é necesario coñecer primeiro que postos quedan sen adxudicar no concurso, xa que esas prazas son as que posteriormente se ofertarán na elección de destinos.
Tamén preguntamos pola toma de posesión do persoal do subgrupo C1 e do colectivo de condutores.
No caso do C1, a Administración indicou que a toma de posesión non se realizará ao mesmo tempo que o concurso, senón unha vez finalice o proceso de elección de destinos, que terá lugar despois da resolución do concurso de traslados. Ademais, sinalaron que na elección de destinos deberán incluírse primeiro os procesos de estabilización e, posteriormente, os de promoción interna.
No caso dos condutores, será necesario agardar tamén á resolución do concurso de traslados, xa que neste proceso inclúense igualmente prazas correspondentes á estabilización.
Dende CSIF seguiremos vixiantes para que se cumpran os prazos anunciados pola Administración e para garantir que os procesos de elección de destino se desenvolvan coa máxima transparencia e axilidade.
