CSIF advertimos na Mesa Xeral de Negociación celebrada hoxe que a proposta de Oferta de Emprego Público (OEP) para 2026 presentada pola Administración debe ir acompañada de medidas que garantan unha xestión transparente e ordenada do emprego público. Reclamamos claridade no cálculo das taxas de reposición, un modelo de promoción interna que deixe de ser unha “carreira de obstáculos”, solucións para o persoal laboral en excedencia afectado pola funcionarización e a corrección do que consideramos un “fraude” nas convocatorias do Grupo B, ademais da negociación dun concurso de traslados masivo antes das adxudicacións definitivas.
A Administración presentou unha OEP que inclúe un total de máis de 1.200 prazas. Entre elas destacan 811 de acceso libre, 300 de promoción interna independente e 91 prazas destinadas á funcionarización.
Desde CSIF trasladamos as seguintes demandas críticas:
• Taxas de reposición e transparencia.
Solicitamos os datos desagregados sobre como se calculan as taxas de reposición, especialmente nos entes instrumentais. Cuestionamos por que nalgúns destes organismos non se convocan prazas a pesar de producirse xubilacións.
• Modelo de promoción interna.
Cualificamos o sistema actual como unha auténtica “carreira de obstáculos” e demandamos un cambio de modelo que facilite o ascenso profesional do persoal. Tamén trasladamos a nosa preocupación polos conflitos que se están a producir na elección de destino entre os procesos de promoción interna e os de acceso libre.
• Situación do persoal en excedencia.
Amosamos a nosa preocupación polas 91 prazas de funcionarización previstas, que consideramos claramente insuficientes. Advertimos de que moitos laborais en excedencia que prestan servizo noutros sectores públicos corren o risco de perder o seu posto ao reincorporarse, xa que numerosas prazas da RPT foron convertidas en postos de persoal funcionario. Reclamamos unha solución que permita a súa reincorporación provisional.
• O “fraude” do Grupo B.
Denunciamos como un “fraude” que se sigan convocando procesos para o Grupo B para posteriormente adscribir ao persoal ao subgrupo C1 pola falta de desenvolvemento regulamentario. Instamos á Administración a demostrar vontade política para resolver esta situación.
• Concurso de traslados.
Esiximos a negociación dun concurso de traslados masivo antes de realizar as adxudicacións definitivas, co obxectivo de evitar conflitos graves a curto prazo.
A reunión concluíu co compromiso da Administración de convocar, tal e como anunciou a pasada semana, unha reunión monográfica para explicar con exemplos gráficos o funcionamento do sistema de elección de destinos e tratar de dar claridade ao «barullo» xerado entre o persoal afectado.
