A CIG xera un problema que non existía e pon en risco os dereitos do persoal da promoción interna 2023

A nova planificación promovida pola CIG impide que persoas que obtiveron unha praza no concurso de traslados poidan permanecer nela tras promocionar, ao non teren tomado posesión no momento da elección de destino.

As organizacións CSIF, CC.OO e UGT trasladan a súa profunda preocupación pola situación creada arredor da Promoción Interna 2023, unha situación que pode acabar prexudicando a moitos empregados e empregadas públicas como consecuencia dunha modificación do calendario inicialmente previsto.

Cómpre lembrar que a Promoción Interna 2023 acumulaba un atraso inaceptable e é necesario dar resposta a un colectivo que leva meses agardando pola resolución do seu proceso. Ninguén discute esa realidade. O que si resulta cuestionable é que, para acelerar a súa resolución, se impulsen cambios sen valorar as consecuencias que estes podían ter sobre os dereitos do persoal afectado. O resultado desa estratexia está agora á vista.

O problema actual non xorde por casualidade. A súa orixe está na campaña impulsada pola CIG para forzar que a Promoción Interna 2023 participase no mesmo proceso de elección de destino e toma de posesión que o resto dos procesos selectivos e o concurso de traslados. Esa presión levou á Administración a alterar a planificación inicialmente prevista e deu lugar a unha situación que agora ameaza con prexudicar os dereitos de centos de empregados e empregadas públicas.

Na Comisión de Persoal celebrada o pasado 29 de maio, a DXEP informou da súa intención de facer coincidir nun mesmo momento as tomas de posesión do concurso de traslados, dos procesos selectivos que ingresaron en destino provisional, dos procesos de estabilización e da Promoción Interna 2023.

Esta decisión, impulsada pola CIG, xera un problema que anteriormente non existía para aquelas persoas que participaron tanto no concurso de traslados como na promoción interna 2023.

Porén, coa nova planificación, o acto de elección de destino da promoción interna producirase antes de que as persoas afectadas tomen posesión da praza que lles foi adxudicada no concurso de traslados. Isto significa que, no acto de elección de destino da promoción interna 2023, a persoa funcionaria seguirá figurando administrativamente na súa praza anterior e non na que gañou no concurso.

A consecuencia é especialmente grave para aquelas persoas que obtiveron no concurso unha praza aberta precisamente ao subgrupo ao que acaban de promocionar.

A pesar de teren gañado esa praza e de que esta sexa plenamente compatible coa súa nova situación administrativa, non poderán permanecer nela porque, no momento da elección de destino da promoción interna, xa que aínda non tomaron posesión e non estarán ocupando formalmente e, polo tanto, terán que elixir destino e previsiblemente acadar un posto inferior ao gañado no concurso, dito doutro xeito, veranse na obriga de renunciar a unha das dúas situacións por unha cuestión exclusivamente derivada do novo calendario promovido pola CIG.

Estamos ante un problema que non existía e que non responde a ningunha razón xurídica nin funcional, senón exclusivamente á precipitación dun sindicato coa que se quixeron forzar determinados cambios.

A normativa establece que cando unha persoa superaba un proceso de promoción interna e ocupa unha praza aberta ao subgrupo ao que promocionaba, podía continuar nela coa nova condición funcionarial e coas retribucións correspondentes ao novo corpo ou escala. Unha situación perfectamente normalizada na práctica administrativa.

CSIF, UGT e CCOO consideran que esta situación é consecuencia directa dunha forma irresponsable de facer sindicalismo, baseada na confrontación permanente e na procura do titular fácil, sen analizar previamente os efectos reais que determinadas reivindicacións poden ter sobre os traballadores e traballadoras, e unha vez máis xeran un problema maior.

O sindicalismo útil non consiste en convocar mobilizacións por sistema nin en crear falsas expectativas. O sindicalismo útil consiste en resolver problemas, non en crealos.

CSIF, UGT, e CCOO  esixirán á DXEP que adopte de maneira inmediata as medidas necesarias para evitar que o persoal afectado teña que renunciar a dereitos adquiridos.

COMUNICADO CCOO-CSIF-UGT PROMOCION INTERNA 2023