CSIF esixe á Xunta que deixe de bloquear a xubilación anticipada do persoal técnico do SPIF

O pasado 24 de setembro de 2026 celebrouse unha reunión coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, convocada a petición de CSIF, CCOO e UGT, co obxecto de abordar a xubilación anticipada do persoal técnico do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) mediante a aplicación dos coeficientes redutores. A conselleira comprométese a realizar as xestións necesarias para posibilitar a certificación dos servizos prestados no modelo oficial de bombeiros forestais da Seguridade Social.

A Consellería volve propoñer unha solución insuficiente

Na reunión, a Consellería volveu propoñer como única solución inmediata a elaboración dun certificado de funcións para que, posteriormente, cada persoa interesada poida empregalo ante a Seguridade Social ou, de ser o caso, ante os xulgados, na procura do recoñecemento dos coeficientes redutores aplicables ás escalas e categorías que desenvolven funcións de bombeiros forestais.

Ao mesmo tempo, a Administración propuxo a tramitación dunha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para instar a que se inicie o procedemento ordinario de recoñecemento da xubilación anticipada mediante coeficientes redutores para unha determinada profesión.

Desde CSIF rexeitamos frontalmente esta proposta. Non consideramos aceptable remitir o persoal técnico do SPIF a un procedemento longo e complexo que pode prolongarse durante anos, nin trasladar a cada persoa traballadora a responsabilidade de defender individualmente ante a Seguridade Social ou nos tribunais un dereito que entendemos que debe ser facilitado pola propia Administración.

CSIF esixe actuacións inmediatas

Desde CSIF formulamos dúas esixencias concretas:

1. Que se comecen a emitir de maneira inmediata, a todo o persoal técnico do SPIF que o solicite, os certificados de servizos prestados no modelo oficial da Seguridade Social establecido para os bombeiros forestais.

2. Que se inicien os trámites necesarios para comezar a efectuar a cotización adicional asociada á aplicación dos coeficientes redutores.

Durante un longo debate, CSIF puxo sobre a mesa a existencia, neste momento, dunha sentenza favorable ás pretensións defendidas polo persoal técnico do SPIF. 

Para CSIF, a Xunta non pode seguir poñendo obstáculos ao seu propio persoal técnico. A Consellería debe asumir que o persoal técnico do SPIF está incluído no ámbito de aplicación da xubilación anticipada dos bombeiros forestais e, en consecuencia, facilitar todos os trámites necesarios para que poida solicitar o seu recoñecemento.

En última instancia, será outra Administración, a Seguridade Social, a que deba resolver as solicitudes que se presenten. O que non resulta admisible é que sexa a propia Xunta a que impida ou dificulte previamente a súa tramitación.

A Consellería comprométese a buscar unha solución.

Pola súa parte, desde a Secretaría Xeral Técnica continuouse facendo referencia a un informe elaborado pola Consellería de Facenda contrario á emisión destes certificados no modelo oficial de bombeiros forestais, sostendo que, mentres se manteña ese criterio, a Consellería do Medio Rural non pode emitilos.

Finalmente, a conselleira comprometeuse a realizar todas as xestións ao seu alcance para reverter esta situación e facer posible a certificación dos servizos prestados polo persoal técnico do SPIF no modelo oficial de bombeiros forestais da Seguridade Social.

A conselleira comprometeuse igualmente a dar unha resposta o antes posible, previsiblemente ao longo da próxima semana.

Desde CSIF estaremos pendentes do cumprimento deste compromiso. O persoal técnico do SPIF necesita solucións, non máis obstáculos administrativos.

Mesa de negociación das escalas forestais

Na mesma reunión, a conselleira comprometeuse tamén a convocar na última semana de outubro a mesa de negociación do persoal das escalas de Enxeñaría de Montes e Enxeñaría Técnica Forestal adscrito á Consellería do Medio Rural.

CSIF considera imprescindible que esta convocatoria se materialice e permita abordar as cuestións pendentes que afectan ás condicións de traballo deste persoal.

Período extraordinario do 1 ao 15 de outubro: as gardas son voluntarias

Por último, o director xeral de Defensa do Monte informou da declaración dun período extraordinario de prestación de servizos para o persoal técnico do SPIF entre o 1 e o 15 de outubro.

Desde CSIF lembramos que as gardas durante este período serán, en todo caso, VOLUNTARIAS, tal e como recolle o acordo aplicable ao persoal técnico do SPIF.

CSIF seguirá defendendo que o persoal técnico do SPIF teña acceso efectivo á xubilación anticipada mediante coeficientes redutores e esixindo á Xunta de Galicia que deixe de ser un obstáculo e facilite todos os trámites necesarios para o seu recoñecemento.