CSIF esixe á Xunta solucións ante a desatención do persoal funcionario do Consorcio

O sindicato denuncia vacantes sen cubrir, sobrecarga de traballo e atrasos administrativos que afectan aos dereitos laborais e económicos do persoal. Reclama revisar o modelo de xestión e estudar a súa asunción directa pola Xunta.

Desde CSIF denunciamos as graves deficiencias na xestión do persoal funcionario do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e esiximos á Consellería de Política Social e Igualdade unha intervención inmediata para poñer fin a unha situación que está a prexudicar os dereitos das persoas traballadoras e o funcionamento dos centros.

As vacantes sen cubrir, os problemas na xestión das listas de contratación, a falta de persoal en determinados centros e os atrasos na resolución de expedientes evidencian unhas deficiencias organizativas que a Administración non pode seguir ignorando.

Dereitos laborais sen resposta

Resulta especialmente grave a falta de atención por parte dos servizos responsables da xestión do persoal. As chamadas telefónicas quedan frecuentemente sen atender e numerosas solicitudes presentadas a través da sede electrónica continúan sen resposta.

Esta situación afecta directamente a cuestións tan importantes como o cobro correcto das nóminas, a obtención de documentación para acceder ás prestacións por desemprego, o recoñecemento de trienios, a carreira profesional ou o exercicio do dereito ás vacacións.

Tamén preocupan os atrasos na resolución dos expedientes de adaptación de postos por motivos de saúde, que deben tramitarse coa dilixencia necesaria e coas garantías preventivas que correspondan.

É inadmisible que a falta de medios ou de organización da Administración deixe as persoas traballadoras sen resposta en asuntos que afectan aos seus ingresos, á súa saúde e aos seus dereitos.

Vacantes sen cubrir e sobrecarga de traballo

A insuficiencia de persoal nalgúns centros está a incrementar a carga de traballo dos profesionais e a dificultar a organización dos servizos.

Desde CSIF esiximos a cobertura das vacantes, unha revisión das necesidades reais de persoal e unha planificación que garanta condicións de traballo adecuadas e unha atención de calidade ás persoas usuarias.

A falta de persoal non pode compensarse sobrecargando os traballadores nin poñendo en risco a súa saúde laboral.

Un modelo de xestión que debe revisarse

As deficiencias detectadas obrigan a cuestionar se o actual modelo de xestión do persoal funcionario do Consorcio dispón dos medios necesarios para cumprir as súas funcións.

Non pode haber funcionarios de primeira e de segunda categoría no acceso efectivo aos seus dereitos. O persoal do Consorcio debe contar coas mesmas garantías e cunha atención administrativa tan eficaz como a do resto do funcionariado da Xunta.

Por iso, desde CSIF reclamamos á Consellería que estude a posibilidade de asumir directamente esta xestión, a través dos órganos competentes da Administración xeral da Xunta, sempre que resulte xuridicamente viable.

Se esta alternativa non fose posible, esiximos o reforzo dos servizos de persoal, a mellora dos procedementos administrativos e a creación de canles de atención que garantan respostas efectivas e dentro dos prazos establecidos.

CSIF presenta un escrito e esixe compromisos concretos

Ante esta situación, CSIF, a través da súa delegada en Pontevedra Montse Rodríguez,  presentou un escrito de queixa ante a Consellería de Política Social e Igualdade no que denuncia as deficiencias detectadas e reclama unha resposta formal, así como a adopción de medidas concretas para corrixilas.

En particular, CSIF solicita:

  1. A revisión das deficiencias na xestión do persoal e a mellora da cobertura de vacantes e do funcionamento das listas de contratación.
  2. A tramitación e resolución dos expedientes pendentes, especialmente os relacionados con incidencias retributivas, prestacións e recoñecemento de dereitos laborais.
  3. O establecemento de canles de comunicación efectivas e dunha unidade de referencia que atenda as consultas e solicitudes do persoal.
  4. A axilización das adaptacións de postos por motivos de saúde, garantindo a aplicación das medidas preventivas necesarias.
  5. A avaliación do actual modelo de xestión do persoal funcionario e o estudo das alternativas organizativas, incluída a posible asunción directa desta xestión pola Xunta.
  6. A convocatoria dunha reunión coa representación sindical, na que se establezan compromisos e prazos de actuación, así como unha resposta formal ao escrito presentado.

O persoal funcionario do Consorcio non pode seguir soportando as consecuencias dunha xestión deficiente. A Xunta debe asumir as súas responsabilidades, garantir os dereitos laborais e ofrecer solucións concretas, non máis demoras.