A Consellería preséntase á primeira reunión sen propostas, sen calendario e sen concretar as materias que está disposta a negociar. CSIF advirte de que esta actitude acende todas as alarmas sobre a vontade real da Administración de alcanzar un acordo.
A Consellería preséntase á primeira reunión sen propostas, sen calendario e sen concretar as materias que está disposta a negociar. CSIF advirte de que esta actitude acende todas as alarmas sobre a vontade real da Administración de alcanzar un acordo.
CSIF manifesta a súa profunda decepción polo resultado da reunión celebrada hoxe coa Consellería de Educación, convocada para iniciar a negociación dun acordo que permita mellorar as condicións laborais e profesionais do persoal non docente dos centros educativos públicos de Galicia.
Despois de anos de reivindicacións e problemas acumulados, resulta inadmisible que os responsables da Consellería comparezan sen os deberes feitos, sen propostas e sen ter definido sequera as materias obxecto de negociación.
Durante a reunión, CSIF trasladou as principais reivindicacións recollidas no seu documento de traballo, moitas delas compartidas polo resto das organizacións sindicais. Porén, a resposta da Consellería limitouse a anunciar que manterá reunións cos departamentos territoriais das catro provincias e que, nun prazo máximo de dúas semanas, convocará unha nova reunión para concretar as materias que se negociarán.
É dicir, a reunión que debía servir para iniciar a negociación rematou cun novo aprazamento para que a Administración realice agora un traballo previo que debería ter feito hai anos.
Non é de recibo que a Consellería necesite aínda consultar cos seus propios departamentos territoriais para identificar os problemas dun persoal cuxa situación debería coñecer perfectamente.
CSIF RECLAMA UNHA NEGOCIACIÓN INTEGRAL, NON SIMPLES RETOQUES
CSIF esixe que o futuro acordo aborde os problemas estruturais do persoal non docente, superando as actuacións puntuais que non resolveron as deficiencias acumuladas. Con carácter xeral e transversal, entre as principais reivindicacións trasladadas destacan:
- Revisión das ratios e incremento dos cadros de persoal, adaptándoos ás necesidades reais dos centros e ás cargas de traballo.
- Revisión integral da RPT, actualizando funcións, clasificacións profesionais e valoración dos postos.
- Mellora dos niveis e complementos específicos, recoñecendo as responsabilidades e singularidades de cada posto.
- Regulación das itinerancias, establecendo criterios claros e obxectivos para a súa aplicación, evitando desprazamentos inxustificados e impedindo que se utilicen como mecanismo habitual para cubrir carencias estruturais de persoal nos centros educativos.
- Conversión dos postos a tempo parcial en xornada completa.
- Implantación da xornada de 35 horas semanais, sen redución retributiva, en liña cos compromisos defendidos por CSIF e cos acordos doutros sectores da Xunta.
- Promoción interna e carreira profesional, con oportunidades reais de progresión.
- Mellora da cobertura de vacantes e substitucións, evitando sobrecargas de traballo.
- Melloras en conciliación, organización da xornada e prevención de riscos laborais.
Estas demandas complétanse coas reivindicacións específicas para os distintos colectivos, entre outros, do persoal administrativo e subalterno, de limpeza, de cociña, auxiliar coidador, intérprete de lingua de signos…
A FUNCIONARIZACIÓN NON RESOLVEU OS PROBLEMAS: EN MOITOS CASOS AGRAVOUNOS
CSIF considera especialmente preocupante que os procesos de funcionarización, lonxe de solucionar os problemas existentes, contribuísen en numerosos casos a profundar neles, trasladando ao novo réxime xurídico situacións de infravaloración profesional e retributiva e agravando determinadas desigualdades.
A funcionarización non pode limitarse a un cambio de vínculo xurídico. Debe acompañarse dunha revisión efectiva da RPT, dos niveis e dos complementos específicos, que garanta o adecuado recoñecemento das funcións, responsabilidades e condicións de traballo.
VONTADE DE ACORDO, PERO MÁXIMA ESIXENCIA Á ADMINISTRACIÓN
CSIF afrontará esta negociación con profesionalidade, responsabilidade e vontade real de alcanzar acordos, achegando propostas concretas e fundamentadas para resolver os problemas dos distintos colectivos.
Porén, o sucedido hoxe acende todas as sinais de alarma e xera un profundo escepticismo sobre a verdadeira vontade da Consellería de afrontar e resolver os graves problemas do seu persoal non docente.
Non aceptaremos que, tras tantos anos de espera, este proceso se converta nunha sucesión de reunións sen contido nin resultados.
Por iso, esiximos que a próxima reunión, comprometida nun prazo máximo de dúas semanas, conte cunha proposta concreta de materias e un calendario de negociación.
O persoal non docente leva demasiados anos esperando. A Consellería xa non ten escusa para seguir adiando as solucións.
CSIF estará á altura desta negociación. Agora correspóndelle á Administración demostrar que tamén o está.
