As organizacións sindicais CSIF, UGT e CCOO anuncian hoxe en rolda de prensa as mobilizacións do vindeiro xoves 30 de outubro en todas as provincias galegas baixo o lema “Negociación, subida salarial e mellora dos servizos públicos”, para reclamar a apertura inmediata da negociación dun novo acordo salarial que permita recuperar o poder adquisitivo do conxunto das empregadas e empregados públicos, mellorar as súas condicións laborais e fortalecer os servizos públicos.
“Os empregados públicos non poden seguir sendo reféns”
O presidente de CSIF Galicia, José Francisco Méndez Castro, criticou que “o Goberno estea utilizando ao persoal público como elemento de chantaxe na negociación orzamentaria” e lembrou que “non pode ser que sexamos o único colectivo deste país sen negociación salarial”.
“É unha situación insólita —explicou— que, tras un ano de conxelación salarial, a Administración nin sequera convocase unha mesa de negociación”, e advertiu que esta situación “ten que rematar, sexa polas boas ou non, porque unha cousa é que esteas negociando e non chegues a un acordo, pero isto é distinto: a estas alturas do ano nin sequera chamaron para negociar”.
Méndez Castro concluíu a súa intervención esixindo unha negociación colectiva, como no resto dos traballadores. “E non estamos a falar só dos empregados públicos, senón tamén de todas as empresas públicas, dos medios de comunicación públicos, de moitísimos máis; non son só os tres millóns e medio de empregados públicos, estamos a falar de todo o que depende desa dinámica.”
Folga xeral
CSIF, UGT e CCOO denuncian que o Goberno adebeda 1.860 millóns de euros en atrasos salariais acumulados nos últimos dez meses, un agravio económico que reflicte a débeda histórica co persoal público.
As tres organizacións, que representan máis do 80% do persoal das administracións públicas, anuncian que este calendario de mobilizacións podería continuar cunha gran manifestación nacional e unha folga xeral en decembro, se o Goberno continúa bloqueando a negociación.
Motivos das mobilizacións
Entre as principais demandas destacan:
-
Acordo salarial plurianual para recuperar o poder adquisitivo perdido desde 2010.
-
Cláusula de revisión salarial automática, vinculada á inflación e a outros incrementos pactados.
-
Plan de reforzo de cadros de persoal para poñer fin á escaseza de persoal e reducir a temporalidade abusiva.
-
Mellora das condicións laborais, incluíndo xubilación, equiparación salarial e modernización do marco laboral do sector público.
Concentracións simultáneas en toda Galicia
A convocatoria do 30 de outubro consistirá en concentracións simultáneas fronte á Delegación do Goberno na Coruña e as Subdelegacións do Goberno en Lugo, Ourense e Pontevedra, coincidindo con outras accións en todo o territorio nacional.
CSIF, UGT e CCOO fan un chamamento a todo o persoal público para participar masivamente nesta primeira fase de mobilización, lembrando que “o tempo para o diálogo esgotouse”.
“É o momento de actuar. Ou o Executivo se senta a negociar de boa fe, ou enfrontarase a un conflito de grande envergadura”.