A central independente cre que este é un paso máis na recuperación de dereitos e critica á CIG por non asinar o acordo por cuestións partidistas.
A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-F) alcanzou esta mañá un acordo con Función Pública para que os empregados públicos cobren este mesmo ano o complemento específico da paga extraordinaria correspondente á prestación de servizos de xaneiro e febreiro de 2013, é dicir, a dos dous meses anteriores á entrada en vigor da lei da Xunta que anulaba este suplemento autonómico. Desde marzo de 2013 e durante 2014, 2015 e 2016, o Goberno deixou de pagar aos seus traballadores este complemento, que supón o 40% da paga extra.
O acordo dá cumprimento ás resolucións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nos conflitos colectivos presentados polo persoal laboral tanto do V Convenio como das distintas entidades do Sector Público e evita miles de demandas individuais do persoal funcionario, estatuario e docente da Comunidade.
No acordo, pechado na Comisión de Persoal extraordinaria, e ao que se sumaron CC.OO e UGT, a Xunta tamén se compromete a restituír o 100% do complemento específico en 2017 de maneira que os empregados públicos volverán desde ese ano a recibir a paga extraordinaria íntegra.
CSI-F considera que este é un novo paso na reparación dos dereitos perdidos polos traballadores da Administración nos últimos anos, que se suma á recuperación da paga extraordinaria de 2012 e a parte dos días de libre disposición retirados.
Máis reivindicacións de dereitos
O sindicato seguirá exercendo todas as medidas ao seu alcance até recuperar os dereitos que os empregados públicos dispuñan en 2009. Así, tal e como recolle de maneira explícita o acordo, este non implica a renuncia ao resto de reivindicacións como é a restitución dos dereitos vulnerados no V Convenio, a recuperación dos días de libre disposición, o salario íntegro nas incapacidades temporais, o levantamento da suspensión de acordos, etc.
Así mesmo, CSI-F respecta a decisión da organización sindical que non se sumou a esta mellora, a CIG, pero, como sindicato independente, criticamos duramente que queira utilizar aos empregados públicos de maneira partidista en guerras electorais.
O acordo inclúe ao persoal laboral das entidades do Sector Público de Galicia así como á totalidade do persoal funcionario, estatutario e laboral do ámbito administrativo, sanitario, xustiza e do ensino, incluíndo ao persoal das universidades e tamén a aqueles traballadores do ensino concertado cuxas retribucións veñen determinadas por referencia ao persoal do ensino público.