– CSI-F urxiu en maio unha reunión á Axencia de Turismo de Galicia para que a directora aclare esta privatización. Aínda non tivo resposta.
– Se este abandono de funcións é un feito grave para CSI-F, é máis grave aínda que CIG, CC.OO e UGT, membros do Consello de Turismo de Galicia, consentisen e non manifestasen a súa oposición.
A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-F) denuncia o abandono de funcións da Axencia de Turismo de Galicia desde 2013 e a privatización encuberta dos servizos que viñan prestando até agora os empregados públicos adscritos a este ente instrumental.
No últimos tres anos, a Axencia entregou vía convenios máis de 3 millóns de euros ás empresas privadas do sector para que desenvolvan, a través do Cluster de Turismo, accións tanto de promoción nacional como internacional do Turismo e a Marca Galicia así como de competitividade que até agora realizaba a propia Axencia a través dos seus departamentos de Contratación, Calidade de Proxectos Europeos, Imaxe e Xestión de Marca e Accións Especiais, así como das direccións de Promoción e Comunicación. Pois ben, este traspaso de funcións ao Cluster supón que este, que non ten capacidade nin persoal para desenvolvelas, as teña que subcontratar.
É dicir, a Xunta perde o control directo das accións e da imaxe que impulsarán o turismo da comunidade, engade dous intermediarios máis na execución destas accións e sáltase a Lei de Racionalización do Sector Público, que limita a contratación de consultores externos cando os empregados públicos poidan desenvolver o traballo, e por tanto, engade unha ocultacion máis a Lei de Transparencia.
O sindicato independente xa solicitou o pasado 13 de maio unha reunión de carácter urxente coa Directora da Axencia de Turismo para coñecer os plans de presente e futuro da Axencia, e especialmente o dos empregados públicos adscritos á mesma. Aínda está a esperar resposta.
Para CSI-F, esta situación, destapada este mes de xuño polos diarios Praza Pública e Eldiario.es, constitúe un atentando á competencia profesional dos empregados públicos e unha intromisión nas súas funcións, que parece ter como finalidade a privatación das potestades públicas para amortizar postos de traballo na Axencia, o que implicará a curto ou medio prazo o consecuente despedimento dos traballadores. Por pór un exemplo, a Xunta entregou 150.000 € ao Cluster para que sexan as empresas privadas as que elaboren o Plan Estratéxico de Turismo de Galicia 2017-2020, sen contar e dando as costas a outros axentes implicados nas políticas de turismo. Lembrar que o último Plan Estratéxico foi elaborado polos empregados públicos da Axencia.
Un exemplo máis do abandono da Axencia é que, excepto no convenio para a elaboración do Plan Extratégico, no resto dos asinados, todo o material promocional de Galicia será propiedade do Cluster segundo recolle o propio Cluster nas licitacións, aínda que pagado co diñeiro de todos os galegos.
Os sindicatos do Consello de Turismo calan e consenten
Pero se este abandono de funcións é un feito grave para CSI-F, é máis grave aínda que CIG, CC.OO e UGT, membros do Consello de Turismo de Galicia, consentisen este abandono de funcións e non manifestasen a súa oposición. Entre as funcións do Consello está a de emitir, con carácter preceptivo, informe sobre os plans sectoriais de Turismo, polo que, á forza, tiñan que ser coñecedores desta xestión irresponsable por parte da Axencia.
Por todo estes, CSI-F considera que se incumpriu a razón de ser da creación da Axencia de Turismo, que o Goberno galego xustificou na necesidade de configurar unha organización dotada de capacidade de decisión sobre os recursos públicos asignados e dun alto nivel de autonomía no seu funcionamento, premisas básicas para que se lle poida esixir responsabilidade efectiva sobre o cumprimento dos seus obxectivos. Era esencial, e así se argumentaba, a creación da Axencia para poder prestar uns servizos cun alto nivel de calidade e cunha cultura de xestión dos recursos públicos que sexa facilmente visualizada pola cidadanía.
- Escrito da CSI-F registrado o 13/05/2016 solicitando una reunión urxente coa directora da Axencia, Nava Castro: Escrito CSIF Turismo
Informacións nos medios:
- CSI-F pidió hace un mes explicaciones por la privatización de Turismo y la Xunta calla (Eldiario.es)
- La Xunta privatiza su política turística (Eldiario.es)
- CSI-F pediu explicacións hai un mes pola privatización de Turismo e a Xunta cala (Praza Pública)
- A Xunta privatiza a súa política de turística (Praza Pública)
- Critican que la Xunta encargue al Clúster el plan gallego de turismo (El Correo Gallego)
- Denuncian que firmas privadas hacen trabajo propio de funcionarios (La Voz de Galicia)