Publicación do Pacto de Contratación do SERGAS asinado pola CSI-F

untitledHoxe publicouse no DOG o novo pacto de contratacións «Pacto de selección de persoal estatutario temporal do Sistema Público de Saúde de Galicia» que asinou a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI•F) co Servizo Galego de Saúde que establece e regula o procedemento de selección, a través das listas elaboradas consonte a baremo, das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais do Sistema público de saúde de Galicia.

O presente pacto aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

A sinatura deste pacto que incorpora avances destacados en aspectos como a conciliación da vida laboral e familiar das persoas aspirantes, a protección da maternidade, a transparencia e publicidade dos criterios de xestión ou a selección de persoal licenciado sanitario. O Pacto foi aprobado o pasado 20 de maio por todas as organizacións sindicais da Mesa Sectorial – CSI·F, CIG, CCOO, UGT e CESM-O’MEGA- coa excepción de SATSE.

Neste sentido, co obxectivo de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos aspirantes inscritos nas listas, no Pacto recóllese a opción de suspensión de chamamentos sen penalización e con reactivación automática por asuntos propios, para que os aspirantes poidan acollerse a descansos voluntarios anuais.

Así mesmo, refórzanse as garantías de intervalos mínimos de tempo entre o chamamento e a incorporación do profesional á efectiva prestación de servizos; e acóllense medidas cara a elección da área sanitaria de prestación de servizos para os aspirantes inscritos tanto nas listas de ámbito autonómico como nas de promoción interna temporal.

No apartado de baremo recóllese que se terá en conta a maio das puntuacións obtidas polo aspirante na fase de oposición das dúas últimas convocatorias de OPE do SERGAS, na categoría á que opta, o que permite a aqueles aspirantes que por calquera causa non se presentasen á última OPE continuar mantendo unha puntuación neste apartado e incorporar, se fose o caso, a mellor das puntuacións obtidas. A puntuación máxima acadable por este concepto será do 60% da puntuación total do baremo.

O novo Pacto contempla tamén aspectos que redundan nunha mellor calidade asistencial coa inclusión de novas áreas especiais, como as unidades de TAC e Resonancia Magnética, entre outras, que requiren a acreditación dunha formación ou experiencia previa do profesional para a prestación de servizos neses ámbitos.

A súa vixencia rematará o 31 de decembro de 2020, prorrogándose automaticamente por sucesivos períodos de un ano, de non mediar denuncia expresa de calquera das partes cunha antelación mínima de dous meses ao remate de cada ano natural.

SELECCIÓN DE FACULTATIVOS ESPECIALISTAS

Ademais, a nova regulación incorpora o compromiso de negociación na Mesa Sectorial de Sanidade dunhas novas bases de selección de persoal facultativo especialista de área, de aplicación común para todos os centros, que incorporan a inscrición a través de Fides, a baremación automatizada e un baremo común e próximo ao aplicado nos procesos de selección fixa (OPEs)

En tanto non se publiquen as listas definitivas de persoas aspirantes seleccionadas en aplicación dos criterios contidos no presente Pacto, serán de aplicación respecto de cada categoría e para os chamamentos que resulte necesario efectuar, as últimas listaxes confeccionadas e as normas de xestión contidas na regulación anterior correspondente, excepto no relativo ao réxime de suspensión voluntaria e de chamamentos, no que resultará de aplicación directa o apartado III.4 (SUSPENSIÓN DE CHAMAMENTOS) recollido no texto do novo acordo.

 Preme aquí para ver o documento

NOVIDADES DO NOVO PACTO DE CONTRATACIÓN