Consorcio de I+B: CSI-F esixe prazos concretos para a equiparación salarial e laboral

ConsorcioREUNIÓN ENTRE A DIRECCIÓN XERAL DE FUNCIÓN PÚBLICA, A XERENCIA DO CONSORCIO E AS OO.SS (29/07/2016).

Aclaración da personalidade xurídica do Consorcio e os efectos para os traballadores:

Por parte do Director Xeral de Función Pública se aclara que o Acordo asinado entre a Xunta e a Fegamp ten só efectos económicos e de financiamento dos centros do adheridos pero que en ningún caso afectará ao vínculo xurídico-laboral actual dos traballadores. A pesares que o Consorcio se manterá e se potenciará, como xa anunciara a CSI•F fai xa algún tempo, e que non se vai integrar na Axencia galega de servizos sociais, mantense a folla de ruta contida no Decreto de creación de dita Axencia.

Segundo afirma a Administración, ten vontade de equiparar as condicións laborais e retributivas do persoal do Consorcio ás do persoal laboral da Xunta de Galicia. Neste senso dende a Función Pública galega afirman que se vai negociar coas OO.SS un documento que recolla a adhesión ao V Convenio, o recoñecemento dos trienios así como a equiparación salarial.

Así mesmo, e aínda que non era tema obxecto desta reunión, anunciouse a posta un marcha dun sistema de listas semellante ao utilizado para as coberturas na Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito informou que, a longo prazo, vanse iniciar os procesos de integración do persoal laboral fixo así como as convocatorias de Ofertas de Emprego Pública a medida que a taxa de reposición marcada polo Goberno do Estado o fora permitindo, estimando un prazo non menor a cinco anos para levar a cabo todas as Ofertas de Emprego Público.

Dende a CSI•F, aínda que acollemos con agrado este cambio de política con respecto aos traballadores do Consorcio manifestamos que toda esa declaración de intencións por parte da Administración non era suficiente e marcamos a nosa postura:

 Equiparación laboral e salarial a V Convenio:

Para a CSI•F todas estas medidas de equiparación laboral e económica teñen que pasar por un acordo onde se establezan prazos de posta en marcha. En todo caso, reclamamos que dito acordo se asine e entre en vigor antes das eleccións autonómicas, negociándose un calendario de homologación que, insistimos, tería que visualizarse materialmente antes da celebración de ditas eleccións.

Así, CSI•F manifestou que todas as declaracións de boa vontade xa estaban reflectidas tanto na Lofaxga como no Decreto 129/2012 sen que ata o de agora do goberno as levara a cabo.

CSI•F recordoulle ao Director Xeral de Función Pública que xa en novembro de 2015 requiriu por escrito ao Conselleiro de Facenda para convocase a Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos para iniciar a equiparación salarial, pois era un mandato contido na Lofaxga

CSI•F informoulle ao DX de Función Pública que xa tiña presentado Conflito Colectivo para o recoñecemento dos Trienios ao persoal do Consorcio e que non o ía retirar se ese recoñecemento non se fai efectivo por parte da Administración.

Dende a CSI•F manifestamos que non é admisible que despois de 6 anos de entrada en vigor da Lofaxga se segan mantendo discriminacións salariais que alcanzan ata o 30% con respecto ao persoal laboral da Xunta de Galicia realizándose as mesmas funcións.

En consecuencia, dende a CSI•F volvemos a reiterar a necesidade do establecemento dun calendario de equiparación salarial e laboral que tiña que ter comezo antes da celebración das eleccións autonómicas.

 Xornada Laboral e períodos vacacionais:

Dende a CSI•F solicitamos a equiparación da xornada laboral á da Xunta de Galicia, é dicir, a 37’5 horas semanais.

Con respecto ás Escolas Infantís, solicitamos o mesmo réxime que o seguido coas escolas da Consellería de Política Social non só no mes de agosto, senón tamén nos períodos de nadal e semana santa.

Proceso de Consolidación de persoal temporal: 

Como xa defendera na Mesa Xeral de Negociación do pasado 23 de outubro de 2013, CSI•F volveu a insistir en que en tanto no estean rematados todos os procesos selectivos, as prazas ocupadas polo persoal temporal non podían ser incorporadas a ningún proceso de concurso de traslados. Todo elo co fin de garantir que todo o persoal temporal teña oportunidade de consolidar o seu posto de traballo. A non aceptación da postura da CSI•F en dita mesa foi o que motivara o noso voto en contra a Axencia galega de servizos sociais, toda vez que non se garantía a permaneza do persoal temporal e se prevían despidos.

Evidentemente, ditos procesos selectivos terán que levarse a cabo polo procedemento, cando menos, de concurso-oposición, onde o tempo traballado así como a formación e demais méritos sexan computados.

Contrariamente ao manifestado en 2013 tanto pola propia Dirección Xeral de Función Pública como pola maioría das demais OO.SS, nesta ocasión o Director Xeral de Función Pública maniféstase a favor da postura da CSI•F. Quen non o fixeron foron os resto das OO.SS

Procesos de Integración do persoal laboral fixo do Consorcio:

Ante as informacións equivocadas e mal intencionadas que se están a transmitir aos traballadores en certos ámbitos, dende a CSI•F aclaramos ao resto das OO.SS que o feito que os traballadores do Consorcio non pasen a depender da Axencia galega de servizos sociais non repercutía en nada no proceso de integración. Tanto a Axencia como o Consorcio son entes instrumentais contidos no artigo 45.a) da Lofaxga e que tanto permanecendo os traballadores no Consorcio como adscribíndose á Axencia os procesos de integración pódense levar a cabo. A este respecto o Director Xeral de Función Pública ratificou a tese da CSI•F.

Listas de Contratación:

O Xerente do Consorcio anunciou que en nestes días remitirá un documento para por en marcha un novo sistema de listas. A pretensión e darlle efectividade en xaneiro de 2017. Dende a CSI•F reclamamos que o ámbito territorial sexa o comarcal e non o provincial e que, en todo caso, sexa un sistema público e transparente.

Xa por último, dende a Dirección Xeral de Función Pública informan que nos próximos días vaise remitir un borrador de documento onde se abordaran os temas tratados na reunión de hoxe: adhesión ao V Convenio; recoñecemento de trienios; inicio de equiparación salarial e réxime de vacacións.

Dende a CSI•F esiximos que dito documento no sexa unha simple declaración de intencións e que, polo tanto, nese documento xa se establezan datas de inicio así como un calendario temporal para acadar a equiparación total e absoluta co persoal laboral da Xunta de Galicia.

En calquera caso, xa advertimos dende este momento que non imos permitir que se utilicen aos traballadores do Consorcio como instrumento electoral, sexa por quen sexa. Son empregados públicos da Administración galega e, como tal, merecen o máximo respecto e dignificación da súa condición.

CSI•F, DICIMOS O QUE FACEMOS

FACEMOS O QUE DICIMOS.