Proposta de acordo entre os sindicatos e a Xunta sobre os Bombeiros Forestais e a súa segunda actividade

Bomberos forestalesProposta de acordo entre as organización sindicais do SPDCIF e a Xunta de Galicia sobre os Bombeiros Forestais e a súa segunda actividade remitida pola Dirección Xeral de Función Pública, que irá na orde do día da Comisión de Persoal do próximo 5 de setembro:

PROPOSTA DE ACORDO ENTRE A XUNTA DE GALICIA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS ………………. SOBRE OS BOMBEIROS FORESTAIS E A SÚA SEGUNDA ACTIVIDADE

Un dos piares fundamentais na prevención, defensa e extinción dos incendios forestais son os empregados públicos que desenvolven as súas funcións dentro dos operativos xestionados pola consellería competente nesta materia. O grao de profesionalidade acadado por eles ao longo da historia da Comunidade Autónoma Galega son exemplo de bo facer no conxunto do Estado.

No punto 3 do Anexo do V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta da Galicia denominado: “Condicións especiais de traballo do Persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galicia” establécese:

“3.18. Compromiso de cambio de denominación das categorías profesionais do SPDCIF, peón, peón -condutor, xefe/a de brigada, condutor de motobomba e vixilante móbil a bombeiros forestais.

3.10. Xubilación. 1. Todo o persoal laboral dedicado á extinción de incendios, unha vez cumpridos os 60 anos, poderá pasar voluntariamente a unha segunda actividade, desligada da extinción directa, que desenvolverá no mesmo ámbito territorial en que viña desempeñando o seu posto”.

Mantidas diversas xuntanzas cos representantes dos traballadores estes manifestan o interese do colectivo no cumprimento do compromiso recollido no convenio colectivo sobre o cambio de denominación de categorías.

Este cambio de denominación afecta a un colectivo duns 1.400 traballadores. Neste colectivo inclúese o pertencente á categoría de oficial de defensa contra incendios forestais, xa que tamén prestan os seus servizos nas brigadas e as súas actuacións están ligadas directamente a actividades tanto de prevención como de extinción.

Coa sinatura do Acordo do 27 de marzo de 2013 para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, favoreceuse a xubilación do persoal do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios que tendo 61 anos cumpridos reúna os requisitos determinados no propio acordo. Na súa virtude, neste momento, 42 empregados do SPDCIF teñen accedido á xubilación parcial.

Co fin de seguir avanzando na mellora das condicións de traballo do persoal do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, e tomando en consideración as súas singularidades, as partes acordan establecer por primeira vez no ámbito da administración xeral da Comunidade Autónoma as bases para o desenvolvemento da segunda actividade deste colectivo profesional.

Deste xeito o acordo dá solución ás consecuencias do envellecemento deste colectivo sen renunciar á súa experiencia profesional.

Unha vez negociado o presente acordo e no seo da Comisión de Persoal da Xunta de Galicia do …………………., a administración e as organizacións sindicais ………………………,

ACORDAN a inclusión do termo “bombeiro/a forestal” na denominación de varias categorías do persoal de prevención e extinción de incendios forestais e o establecemento da segunda actividade do persoal de prevención e extinción de incendios forestais da Consellería do Medio Rural segundo o que a seguir se establece:

I.- BOMBEIRO FORESTAL

 Primeiro.-Modificase o anexo de categorías do V convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia engadindo á denominación das categorías: peón, peón -condutor, xefe/a de brigada, condutor de motobomba e oficial forestal de defensa contra incendios forestais vinculadas a prevención e extinción de incendios forestais o termo “bombeiro/a forestal” de forma que o nome das categorías sinaladas muda para quedar do seguinte xeito:

V.14. Bombeiro/a forestal.

V.14.a. Bombeiro/a forestal condutor/a.

III.100. Bombeiro/a forestal Xefe/a de brigada.

IV.33. Bombeiro/a forestal Condutor/a de motobomba.

IV.41. Bombeiro/a forestal Oficial de defensa contra incendios                         forestais.

Segundo.-A modificación da denominación das categorías non comportará, en ningún caso modificación das súas funcións actuais (especialmente tanto as de prevención de incendios forestais como outras de carácter forestal). O cambio de denominación tampouco suporá modificación das súas retribucións nin reclasificación de grupo profesional.

Terceiro.-O cambio de denominación non orixinará incremento de gasto para a Xunta de Galicia.

Cuarto.-A Consellería de Facenda a través da Dirección Xeral da Función Pública promoverá tanto a modificación do Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia para adaptalo ao presente acordo como a modificación da Relación de Postos de Traballo da Consellería do Medio Rural para o cambio de denominación das categorías afectadas. Así mesmo as partes autorizan a que esa dirección xeral realice os trámites oportunos ante a autoridade laboral conducentes ao rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do presente documento.

Quinto.-No que se refire ao réxime de cotizacións á seguridade social estarase ao que dispoña a normativa Estatal.

II.- SEGUNDA ACTIVIDADE

Conscientes, tanto a administración como as organizacións sindicais, dos riscos laborais deste colectivo que se acentúan coa maior idade dos seus integrantes e co fin de posibilitar o pase á segunda actividade acórdanse as bases da mesma:

O pase á segunda actividade realizarase progresivamente e estenderase á totalidade do ano como máximo no ano 2018.

Primeiro.-Segunda actividade.

A segunda actividade consistirá na realización de tarefas preventivas e/ou de apoio loxístico ao SPDCIF sen que isto comporte unha vinculación directa ás labores de extinción de incendios.

A segunda actividade será en todo caso voluntaria.

Segundo.-Requisitos.

Poderán pasar a segunda actividade os empregados que pertenzan a algunha das categorías relacionadas no punto primeiro do apartado anterior deste acordo sempre que concorran os requisitos que a seguir se indican:

  1. Ter cumpridos 60 anos de idade.
  2. Non estar acollidos á xubilación parcial.
  3. Formular solicitude expresa nos termos previstos no procedemento que se estableza en desenvolvemento do presente acordo que se concretará e negociará coas organizacións sindicais.

Terceiro.- Contratación de persoal laboral.

As contratacións de persoal substituto que sexan necesarias para dar apoio ao operativo do SPDCIF a causa do pase á segunda actividade dos titulares dos postos de traballo realizaranse a través das listas de contratación temporal da Xunta de Galicia.

Cuarto.-Procedemento para a adxudicación do posto para a segunda actividade.

A Administración comprométese a elaborar un procedemento para o paso á segunda actividade do persoal maior de 60 anos ligado á extinción directa de incendios forestais en postos de traballo sen esa vinculación directa. Dito procedemento elaborarase, para o ano 2016, no prazo dun mes dende a sinatura do presente acordo e será negociado coas organizacións sindicais asinantes.

III.- DISPOSICIÓNS COMÚNS

Primeira.- Funcionarización.

A administración iniciará os tramites para á funcionarización do persoal de todas as categorías de prevención e extinción de incendios forestais comezando no ano 2017 coas categorías profesionais que se acorde coas organizacións sindicais.

Na lei de creación das escalas deste persoal establecerase a denominación da mesma así como a de cada unha das súas especialidades e funcións, e regularase a singularidade do persoal fixo-discontinuo. As categorías funcionariais resultantes non incluirán á expresión “Peón”.

Segunda.- Redución da taxa de temporalidade.

Co obxecto de reducir a excesiva taxa de temporalidade que existe actualmente no Servizo de Prevención de Defensa Contra Incendios Forestais, as partes acordan incluír nas ofertas de emprego público correspondentes nos ano 2017, 2018, 2019 e 2020 prazas do persoal de SPDCIF co fin de completar a convocatoria das vacantes existentes neste servizo con suxeción ao disposto na normativa básica do Estado e de maneira compatible e coordinada cos procesos de funcionarización previstos na disposición primeira deste apartado.

A Administración comprométese que nas ofertas de emprego público dependentes da Consellería de Facenda, ofertaranse un mínimo do 20% das prazas nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020 para o persoal do SPDCIF.

Terceira.- Comisión de seguimento do acordo.

Constituirase unha comisión de seguimento do acordo integrada polas Organizacións Sindicais asinantes deste acordo, as consellerías de Facenda e do Medio Rural. Presidirá o director xeral da Función Pública ou o empregado público no que este delegue. Esta comisión tratará de tódalas cuestións derivadas da aplicación deste acordo, e en particular, tratarase do procedemento para a funcionarización dos postos fixos-discontinuos, así como que categorías serán obxecto de inclusión nas OPEs dos anos 2017, 2018 e 2019.

Informarase semestralmente das incidencias acontecidas na tramitación do pase á segunda actividade.