Compromisos electorais en materia de Función Pública das forzas políticas

eleccións galegas 25 SNa CSI-F Galicia estamos a seguir de preto as propostas en materia de Función Pública das forzas políticas que concurren ás eleccións. Fixemos unha recopilación, totalmente aséptica, dos compromisos que recollen sobre esta área os principais partidos políticos nos seus programas electorais para que cada quen saque as súas propias conclusións. Pola nosa parte, velaremos, goberne quen goberne, porque se respecten os dereitos de todos os empregados públicos.

PPdeGPrograma ‘recoñecer e mellorar o emprego público (programa íntegro)

“A recuperación económica de Galicia non tería sido posible sen o esforzo e apoio dos empregados públicos galegos. A dura crise que acabamos de vivir esixiu moitos sacrificios de todos os cidadáns, e os traballadores das institucións autonómicas puxeron a súa vocación de servizo por diante de calquera demanda ou reivindicación profesional, poñendo a profesionalidade e o bo facer ao servizo da mellora das condicións de vida da cidadanía.

O PPdeG quere facer patente o recoñecemento a estas mulleres e homes que deron o mellor de si acompañando co seu labor o esforzo colectivo que foi necesario realizar para superar as dificultades dos tempos de crise.

A Xunta de Galicia decidiu non sanear as súas contas a costa do emprego dos seus traballadores, como si fixeron outras comunidades autónomas. Consecuentemente, Galicia foi a comunidade que mantivo máis estable o seu cadro de persoal durante a crise.

Na pasada lexislatura acometeuse unha intensa reforma do réxime do emprego público de Galicia coa aprobación da Lei do emprego público de Galicia. Esta norma constituirá a referencia para o conxunto do emprego público das administracións galegas. O seu desenvolvemento permitirá a modernización do réxime estatutario do conxunto de dereitos e obrigas dos profesionais ao servizo dos cidadáns das institucións públicas do noso país. Sinaladamente:

  • Priorizaremos o desenvolvemento regulamentario das previsións contidas na lei en materia de carreira profesional, avaliación do desempeño e provisión de postos de traballo.
  • Aprobaremos a regulación única do persoal directivo do sector público autonómico de Galicia.
  • Empregaremos os novos instrumentos previstos na Lei de emprego público para acadar a máxima homoxeneidade nas condicións retributivas e de emprego do persoal do sector público autonómico de Galicia. En especial, completaranse as ofertas de integración no réxime laboral común da Xunta de Galicia e formularanse ofertas de funcionarización para as persoas que xa son persoal laboral da Xunta de Galicia.
  • Implantaremos un sistema de concurso permanente que permita aos profesionais manifestar a súa preferencia e disposición polo desempeño de postos de traballo de características ou en localidades sinaladas, e correlativamente a administración ofrecerlle o desempeño deste tipo de postos a medida que vaian xurdindo as necesidades da súa cobertura.
  • A administración galega foi unha das que conseguiu manter máis estable o seu cadro de persoal durante a crise. Nos próximos anos manteremos esta política de estabilidade no emprego.
  • Avanzaremos na exención de taxas para os procesos selectivos, fundamentalmente para parados de longa duración e persoas con discapacidade.
  • Talento novo: implantaremos un programa de captación de talento que permita que os mellores expedientes dos recén titulados poidan ter unha primeira experiencia laboral na administración mediante unha vía singular de acceso ao emprego temporal para este colectivo. No ámbito deste programa, a administración galega poderá ofrecer contratos ou nomeamentos para mozos cuxo desempeño dará lugar a unha experiencia baremable para o acceso definitivo á función pública
  • Na medida que o permitan as dispoñibilidades presupostarias que se acaden no contexto da recuperación da economía galega, adoptaranse medidas que propicien a recuperación dos niveis salariais que tiñan os empregados públicos antes da crise.
  • Tales medidas serán compatibles co desenvolvemento de medidas de homoxeneización das condicións de traballo e retributivas, que disipen as situacións discriminatorias entre colectivos de profesionais con prestacións de servizos análogos.
  • Revisaremos a totalidade das relacións de postos de traballo para adecualas ás necesidades efectivas, introducindo a limitación aos postos de libre designación que foi aprobada na Lei de emprego público. En consecuencia, a forma ordinaria de provisión das xefaturas de servizo será o concurso específico.
  • Implantaremos itinerarios profesionais na Función Pública.
  • Avanzaremos na homologación das condicións de xornada e horario para o conxunto dos empregados públicos autonómicos, facendo compatible esta regulación coa extensión do réxime de flexibilidade horaria e teletraballo para aqueles postos de traballo nos que resulte posible de acordo coas súas características funcionais.
  • Ademais, continuaremos traballando na racionalización dos horarios dos nosos empregados públicos como unha das ferramentas mais poderosas para a conciliación, a corresponsabilidade e a igualdade entre mulleres e homes.
  • Adaptarémonos ao novo sistema educativo co desenvolvemento dos grupos profesionais, especialmente en materia medioambiental e prevención de incendios.
  • Potenciaremos o papel da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) nos procesos selectivos e na promoción interna dos empregados públicos.
  • Implantaremos a segunda actividade naquelas categorías ou escalas que se determine: para unha adaptación da prestación dos servizos públicos conforme ás idades dos traballadores.
  • Na próxima lexislatura tomarán posesión os primeiros funcionarios galegos seleccionados a través dunha convocatoria específica para persoal con discapacidade intelectual. Comprometémonos a manter e potenciar estas vías de acceso. Por outra banda, implantaremos unhas listas de acceso ao emprego temporal específicas para persoas con discapacidade intelectual.
  • E, con carácter xeral, afondaremos nas políticas que prestixien a figura do empregado público, estendan a cultura da transparencia no exercicio da función pública, fomenten a participación e os mecanismos de goberno aberto e completen o cambio tecnolóxico nas condicións de traballo que nos permitan atender aos cidadáns as 24 horas do día os 365 días do ano”.

PSdeG Programa ‘Unha administración moderna, eficaz, eficiente e ao servizo dos cidadáns (programa íntegro)

“Galicia precisa modernizar o funcionamento e estrutura das administracións para dar unha resposta eficaz aos problemas derivados da realidade actual e facer fronte aos desafíos da modernidade. É posible e necesaria unha mellor distribución de traballo autonómico, eliminando disfuncións e revisando a funcionalidade e mesmo a continuidade de organismos paralelos ao servizo das consellerías.

Precisamos tamén modernizar a xestión da Xunta de Galicia, facéndoa máis eficiente e sinxela, aproveitando para iso as novas técnicas de xestión pública e as ferramentas tecnolóxicas actuais para impulsar a transición cara a un novo modelo máis moderno e áxil de administración.

Propostas concretas para a Xunta de Galicia

  • Impulsaremos medidas de modernización, análise e avaliación de políticas públicas como unha ferramenta transversal da acción pública, para acadar un deseño eficaz e eficiente das políticas públicas da administración pública galega. Para iso, impulsaremos o labor de coordinación da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa de xeito transversal, e en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), pero tamén implantando mecanismos en cada consellería para acadar este obxectivo e converter a Xunta de Galicia nun exemplo de administración punteira.
  • Fomentaremos a carreira horizontal dos empregados públicos, desenvolvendo as previsións contidas no Estatuto Básico do Empregado Público e na nova Lei de Función Pública de Galicia.
  • Impulsaremos a formación e mellora da cualificación profesional das empregadas e empregados públicos, co fin de garantir un servizo público de calidade.
  • Adoptaremos medidas que repercutan na efectiva conciliación da vida persoal,laboral e familiar das empregadas e dos empregados públicos.
  • Reduciremos a burocracia por medio da simplificación dos expedientes e impulso da Administración electrónica.
  • Impulsaremos a descentralización administrativa como garantía de eficiencia e avaliaremos as posibilidades das comarcas de Galicia dentro do mapa funcional e administrativo de Galicia, conforme establece o noso Estatuto.
  • Impulsaremos a simplificación de axencias, organismos, consorcios e empresas, conseguindo un aforro de diñeiro público e unha xestión máis directa e eficaz dos representantes políticos.
  • Substituiremos a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) por unha empresa pública de servizos informáticos, dependente da Consellería da Presidencia, desde a que se deseñará un modelo tecnolóxico integral para a Xunta de Galicia baseado no software libre e nos principios da Free Software Fundationen colaboración coas demais empresas galegas do sector e, en especial, coa comunidade galega de software libre e as tres universidades de Galicia.
  • Impulso decidido ás políticas de calidade na xestión das administracións e dos organismos dependentes da Xunta de Galicia, a través da elaboración de plans de actuación e contratos plurianuais de xestión, así como incorporando os criterios de mellora da atención ao cidadán, cartas de servizos e xestión eficiente, mellora de procesos etc., conforme aos estándares internacionais de calidade, como a ISO.

Seguridade. Propostas concretas

  • Desenvolveremos a Lei de Policía de Galicia, poñendo en marcha de xeito efectivo Policía de Galicia. Asemade, potenciaremos os marcos de colaboración en materia policial entre concellos, a fin de optimizar recursos materiais e humanos.
  • Estableceremos os mecanismos necesarios para que se cumpran as previsións contidas na Lei de coordinación de Policías locais de Galicia, en canto á ratio de axentes por poboación.
  • Reordenaremos os distintos servizos de urxencias, incrementando os medios humanos e técnicos dispoñibles para mellorar a súa operatividade e eficacia e aca-dar un estándar de calidade similar ao dos países máis desenvolvidos da Unión Europea.
  • Recuperaremos os Servizos de bombeiros e contraincendios de xestión indirecta e elaboraremos un Regulamento do Bombeiro, tendo en conta a opinión deste colectivo.
  • Estudaremos a posibilidade de crear un corpo específico de policía medioambiental e contraincendios.
  • Melloraremos a formación dos integrantes dos servizos de extinción de incendios e salvamento e dos técnicos e voluntarios de protección civil”.

BNGServizos públicos de calidade (programa completo)

 “Todo modelo social que procure unha maior distribución da riqueza e da igualdade social ten de garantir uns servizos públicos universais e gratuítos, pois só así é posíbel construír unha sociedade máis xusta, solidaria e igualitaria. Os servizos públicos son os alicerces que toda sociedade democrática necesita.

Propostas empregados públicos:

  • A supresión da taxa de reposición de efectivos fixada centralizadamente polo estado para controlar e impedir pola vía da ausencia de persoal a prestación dos servizos públicos. A administración galega terá plenas competencias para fixar a oferta de emprego e transformar o traballo temporal en estábel en todos os ámbitos, incluída a administración local, Universidades e servizos públicos en xeral.
  • A restitución dos dereitos laborais, profesionais e salariais das empregadas e empregados públicos (pagas extras completas, 100% das retribucións por incapacidade temporal (IT) etc.), así como a garantía de manter o poder adquisitivo dos salarios.
  • Suprimir a invasión competencial no ámbito local que propiciou a Lei de reforma e sustentabilidade local para privatizar servizos públicos e eliminar as políticas sociais municipais”.

 Ciudadanos (Programa completo)

  • “Despolitizaremos la Administración y realzaremos la figura del empleado público mediante el fortalecimiento de los derechos recogidos en el Estatuto Básico del Empleado Público (EBEP), el desarrollo de las relaciones de puestos de trabajo, el impulso de la carrera administrativa y fomentaremos la conciliación de la vida personal y familiar.
  • Fomentaremos que en Galicia las Administraciones Públicas utilicen con normalidad las dos lenguas oficiales en sus actuaciones internas y en las relaciones entre ellas y con la ciudadanía. En los procedimientos administrativos garantizaremos la libre elección de la lengua por parte del interesado. Dicha elección vinculará a la Administración sin necesidad de petición expresa y bastando el escrito inicial del ciudadano.
  • Reduciremos el personal eventual para que las tareas relacionadas con la Administración de Galicia sean realizadas en su inmensa mayoría por funcionarios de carrera que hayan obtenido su plaza según los valores de mérito y capacidad.
  • Eliminaremos los puestos de libre designación salvo en los niveles 30 y estableceremos que los puestos de nivel inferior a Director General o equivalente sean desempeñados por funcionarios de carrera seleccionados por concurso de méritos”.

En Marea  Non recollen propostas concretas para a Función Pública (programa completo)

Compromiso por GaliciaNon recollen propostas concretas para a Función Pública (programa completo)