CSI-F, CONTRA A ESCRAVITUDE INVISIBLE DO SÉCULO XXI
CSI-F esixe maior determinación na persecución e xudicialización deste tipo de delitos.
- CSI-F reclama un adecuado tratamento das vítimas desde unha óptica pluridisciplinar.
A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-F) – sindicato máis representativo nas administracións públicas e con presenza crecente no sector privado – súmase á celebración o 23 de setembro do ‘Día Internacional contra a explotación sexual e trata de persoas’ desde a firme convicción de que todos os axentes da sociedade civil debemos combater, desde a nosa responsabilidade, estas prácticas aberrantes que sen dúbida podemos denominar a escravitude invisible do século XXI.
Vítimas dunha inmoral forma de comercio, estas persoas convértense en meras mercadorías, obxectos en mans de mafias e redes que obteñen billonarios beneficios. A explotación sexual supón un atentado contra a vida, a integridade e a liberdade destas vítimas, pero nun sentido máis amplo se atenta contra valores superiores da nosa sociedade como a dignidade, a igualdade e a seguridade.
Esta forma de escravitude afecta en maior medida a mulleres e nenas, que son colectivos especialmente vulnerables e reflexo nítido da feminización da pobreza, a desigual repartición dos recursos económicos e de poder entre mulleres e homes.
Despois do tráfico de drogas e de armas, a trata de persoas constitúe o negocio transnacional que xera maiores beneficios. Quen caen nestas redes poden padecer explotación sexual, distintas formas de traballo escravo, mendicidade forzada, extracción de órganos e abusos de todo tipo.
É por tanto necesario que os estados coordinen e articulen esforzos, de maneira urxente, aplicando medidas e mecanismos normativos e institucionais efectivos para previla, sancionala e protexer ás vítimas. Combater esta práctica ilegal ten un factor engadido de dificultade: a súa invisibilidade social, algo que inflúe negativamente na súa localización e erradicación.
É un asunto extremadamente complexo en que conflúen multitude de factores que debemos abordar de maneira global para ser efectivos: as correntes migratorias, como consecuencia dos conflitos bélicos e a fuxida da fame e a miseria.
Ademais, a explotación laboral e o desigual trato xudicial da explotación sexual entre países perpetúan a discriminación aplicando ademais estereotipos de xénero que demostran a falta de comprensión destes tipos de violencia.
A nosa ferramenta de referencia debe ser o Protocolo das Nacións Unidas para Previr, Reprimir e Sancionar a Trata de Persoas, Especialmente Mulleres e Nenos/as (tamén coñecido como o Protocolo contra a trata de persoas), un documento que nace da Convención das Nacións Unidas contra a Delincuencia Organizada Transnacional.
Por contextualizar o fenómeno no noso país, as cifras son desgarradoras. A trata de seres humanos trae a España unhas 40.000 persoas ao ano (2.500.000 a nivel mundial ao ano, 20 millóns en cómputo global). É importante resaltar que, aínda nos casos que se detectan estes delitos, existen moitas carencias e falta de coordinación á hora de atender ás vítimas. Existen tamén discrepancias entre as prácticas estatais, rexionais e os estándares internacionais.
CSI-F está rotundamente en contra de calquera explotación sexual e de calquera outro tipo, extorsión e trata de seres humanos. Ademais, pedimos unha política clara e contundente contra este tipo de delitos que teña un dobre enfoque:
- Pedimos aos nosos políticos maior determinación na persecución e xudicialización deste tipo de delitos, acompañada de campañas de información, sensibilización e formación para visibilizar este fenómeno.
- Solicitamos tamén o adecuado tratamento das vítimas desde unha óptica pluridisciplinar para ofrecerlles un soporte e apoio efectivos, proporcionándolles seguridade (económica, xurídica, etc) a elas e ás súas familias, sendo sensibles nos recursos a cada drama persoal.
E para iso, é determinante que, desde un punto de vista global, os diferentes poderes do Estado, organizacións políticas, civís e sociais de todo tipo, medios de comunicación, etc renovemos o noso compromiso de loita contra todo tipo de discriminación que sofre a muller.
A crise económica e os recortes dos últimos anos orillaron este tipo de políticas e agora, que supostamente avanzamos cara á recuperación, xa non caben máis escusas para redobrar os esforzos e alcanzar entre todos un verdadeiro pacto social contra todo tipo de violencia e discriminación que sofren as mulleres no noso país e por tanto, con motivo da celebración desta xornada de reivindicación, tamén contra a secuela vergoñosa que supón a explotación sexual e trata de persoas.
Secretaría Nacional de Igualdade e Responsabilidade Social CSI-F